Borja López: “Necesitamos a implicación das institucións para seguir promovendo o deporte”

LugoXa
Borja López Adrio, presidente do Castroverde Fútbol Sala, valora positivamente os primeiros 20 anos do club e destaca as escolas deportivas, que promoven o deporte e o ocio entre os máis pequenos da contorna
Castroverde-Futbol-Sala
15 Feb 2026

Jessica Fernández

O fútbol sala non sempre tivo un espazo propio en Castroverde. Nun concello onde tradicionalmente o deporte non foi un eixo central da vida social, a aparición e consolidación do Castroverde Fútbol Sala en 2005 supuxo un cambio profundo na maneira de entender a actividade deportiva, especialmente entre a xente nova. Hoxe, vinte anos despois dos seus primeiros pasos, o club converteuse nun referente na montaña lucense, cunha estrutura que abrangue desde a base ata o equipo sénior, tanto masculino como feminino.

Á fronte do proxecto está Borja, presidente do club e tamén adestrador do primeiro equipo masculino, unha figura clave para entender a evolución dunha entidade que naceu sen recursos, sen tradición e con moitas dificultades, pero que foi medrando grazas á constancia, ao traballo colectivo e á paixón polo deporte.

A historia do club comeza moito antes da súa constitución oficial. Segundo lembra Borja, todo arrincou “indo aos torneos de verán; levabamos dous anos facendo torneos e era o momento de federarnos e xogar nunha liga”, explica. Ese paso produciuse no ano 2003, cando aínda non existía formalmente o club, que non se constituiría ata 2005.

A decisión de federarse marcou un antes e un despois. Supuña competir de maneira regular, asumir máis responsabilidades e apostar por un proxecto a longo prazo. Porén, os inicios non foron doados. “Os inicios foron complicados porque aquí non había cultura de fútbol sala; era un deporte que apenas se practicaba”, recoñece Borja. A falta de tradición, unida á escaseza de axudas económicas e patrocinadores, fixo que os primeiros anos fosen especialmente duros.

A pesar das dificultades iniciais, a evolución do club foi claramente positiva. O cambio, segundo destaca o presidente, foi “notable” co paso dos anos. A idea inicial era sinxela: manter un equipo sénior que permitise competir e representar ao concello. Con todo, a realidade superou as expectativas. “Na actualidade, o Castroverde Fútbol Sala conta con categorías base desde benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, ademais dos equipos sénior masculino e feminino. Este crecemento non foi improvisado, senón froito dunha planificación progresiva. Hai dous anos o club decidiu apostar con máis forza polas escolas deportivas e polo fútbol sala feminino, dous ámbitos fundamentais para garantir o futuro da entidade”.

Un club que vertebra o territorio

Un dos aspectos máis salientables do proxecto é a súa capacidade para atraer xogadores e xogadoras de distintas parroquias e concellos da contorna. Actualmente, o club conta con deportistas procedentes de todo Castroverde, pero tamén de Baleira e mesmo da Fonsagrada. Este feito dá conta da importancia do club como punto de encontro deportivo nunha zona afectada polo despoboamento e pola perda de estruturas asociativas. De feito, “somos o único de fútbol sala que hai na montaña; na Fonsagrada só hai equipo sénior masculino, e somos o único arredor”, destaca o presidente. Esta singularidade supón unha responsabilidade engadida. O obxectivo, segundo Borja, é claro: converterse nun club de referencia. “Isto require moito traballo por parte da directiva, porque ao final hai moita xente que non dá o paso”, afirma.

O contexto demográfico é outro dos grandes desafíos aos que se enfronta o club. Hai anos, lembra Borja, existían equipos en case todos os municipios da contorna. Hoxe, esa realidade desapareceu en gran medida. “Antes xogabamos e había equipos en todos os municipios, pero agora non, tamén polo despoboamento, que nos afecta a todos”, explica. A perda de poboación reduce o número de nenos e mozos dispoñibles, dificulta a continuidade dos equipos e obriga a redobrar esforzos para manter a actividade.

Aínda así, os datos son alentadores. O ano pasado o club chegou ás 90 licenzas federativas, unha cifra moi elevada para un concello pequeno. Este ano mantense nun número similar, entre 85 e 86 licenzas. “Estamos moi contentos”, resume Borja. Porén, “o feminino baixou porque é complicado: moita xente que xoga non se pode desprazar”, explica, poñendo de manifesto unha das dificultades habituais no deporte base feminino no rural.

Apoio institucional e carencias estruturais

O funcionamento do club depende en boa medida do apoio institucional. Neste eido, Borja fai unha valoración desigual da colaboración recibida. “O Concello colabora cedendo as instalacións, deixa o pavillón, pero economicamente colabora igual que antes de aparecer as escolas deportivas. Pero nós, coa ampliación da base, temos máis gastos e necesitamos máis apoio económico para cubrilos”, afirma. Pola contra, a Deputación e a Xunta de Galicia teñen un papel máis relevante no apoio ao club.

Máis alá das axudas concretas, Borja considera que existe un problema de fondo: a falta dunha cultura deportiva asentada no concello. “Non hai unha cultura de deporte en Castroverde; hai un equipo de fútbol e o noso club, pero non hai máis deportes”, sinala.

Neste contexto, o labor do Castroverde Fútbol Sala cobra un valor que vai máis alá da competición. O club entende o deporte como unha ferramenta educativa, social e de integración, especialmente entre os máis pequenos. “O que facemos é importante para promover o deporte entre os pequenos”, subliña Borja, que insiste na necesidade de contar cun maior apoio das institucións para seguir desenvolvendo esta tarefa. “Parécenos importante contar con axuda para poder facelo”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.10522699356079