Bota a andar a Rede de Custodia Agraria da Reserva da Biosfera
Gandeiros e agricultores da reserva da biosfera Terras do Miño e a Asociación Galega de Custodia do Territorio botaron a andar a Rede de Custodia Agraria da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que foi presentada nun acto na Casa das Insuas, acompañada dunha degustación de produtos artesáns e ecolóxicos.
A Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) leva anos colaborando con agricultores e gandeiros na conservación dos valores naturais e na mellora ambiental das súas fincas, convencidos de que a necesaria produción agraria pode e debe ser compatible co mantemento dunha paisaxe biolóxicamente diversa e respectuosa cos seus valores patrimoniais e escénicos.
No marco destas colaboracións fixéronse actuacións para contribuir á conservación de hábitats e poboacións de diferentes especies, algunhas delas de especies ameazadas.
Agora, co apoio da Deputación de Lugo, e xunto con produtores e produtoras cos que viña colaborando e outros novos que tamén apostan polo respecto e o coidado do territorio, impulsa esta rede, co obxectivo de compartir espazos de encontro e formación, desenvolver proxectos comúns e dar a coñecer xeitos sostibles de produción.