Bota a andar en Lugo a primeira Xornada de chirimía e sacabuche
O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Artesanía Efrén Castro visitou ás persoas participantes na I Xornada de chirimía e sacabuche que se celebra durante toda a fin de semana no Centrad. Castro destacou a importancia deste programa que supón "un fito histórico en Galiza, onde tocar instrumentos renacentistas de vento non está profesionalizado e encontros como este permiten achegarse ao instrumento”. Entre os asistentes hai profesionais da música e afeccionados.
O programa durante as tres xornadas inclúe palestras sobre instrumentos de palleta dupla na península Ibérica dende o Islam ata o século XV, instrumentos de vento nas catedrais galegas e unha última sobre o panorama actual do conxunto de de Ministrís. Tamén se levarán a cabo clases grupais sobre o temperamento mesotónico e a relación coas tonalidades, características acústicas das chirimías, o papel do sacabuche nas transposicións ou a interpretación de obras en conxunto.