Breoganas, unha peña máis no Breogán cunha directiva completamente feminina
Diego Rouco
Cando en España se fala do Río Breogán, pénsase sempre nun equipo de baloncesto da ACB, enfocado en xogar e dar o mellor de si mesmo partido a partido, pero tamén no apoio dunha afección que sempre está para darlle forza. Colectivos como a Peña Breogán ou Embreogados levan tempo animando ao club dende a bancada. Agora suman unha sexta peña que conta cunha directiva formada soamente por mulleres. Á fronte de Breoganas están a presidenta Ángeles Iglesias; a vicepresidenta Belén Ramos; a secretaria Livia Barreiro, a tesoureira Helga Cobas e Eva Amores como vogal.
Cando botou a andar a peña?
Naceu no partido do Río Breogán contra o Unicaja de Málaga, xogado o sábado 9 de marzo. Nel xuntámonos e decidimos facela, pero non foi ata o 8 de xuño cando a fixemos oficial, tamén a través das nosas contas en redes sociais como Twitter e Instagram.
Cantos membros a forman?
Actualmente somos unhas 35 persoas, tanto mulleres coma homes, e mesmo ata hai nenos, pero a directiva si que está formada só por mulleres.
Que obxectivos teñen?
Pretendemos ser recoñecidas como unha peña do Breogán en toda España, tamén poder viaxar e darlle todo o noso apoio a noso equipo: Forza Breogán!
Contan con algún sitio no Pazo establecido para o grupo como acontece con Peña Breogán ou Embreogados?
Non, cada un está no seu sitio, pero pensamos no máis importante, que é o Breogán.
Quedaríanse con algún xogador en concreto?
Diríamos que como xogadores favoritos temos aos irmáns Quintela, a Erik e a Sergi.
E nestes últimos anos, destacarían algún outro?
A Džanan Musa, non só como xogador, senón tamén como persoa.