Buscan imaxes de Lugo para figurar en selos de Correos
A recén recuperada Sociedade Filatélica Lucense convida aos cidadáns a participar na creación de selos mediante o envío de imaxes que optarán a figurar en estampas oficiais de Correos de tirada nacional.
A temática das imaxes que se presenten serán edificios ou elementos de Lugo relacionados cos Patrimonios da Humanidade ou co Camiño Primitivo de Santiago. Poden enviarse ata o vindeiro domingo, 7 de febreiro ás 14.00 horas, ao correo sociedadfilatelicalucense@gmail.com.
A cidade de Lugo conta con poucos selos na historia de Correos. A Catedral, a Praza do Campo ou, de xeito máis recente, a Muralla son os enclaves que máis frecuentemente apareceron nas escasas tiradas de selos dedicadas á capital. A Sociedade Filatélica Lucense proponse mudar esta situación ao longo deste ano e para elo acadou un compromiso de edición de selos para este exercicio no que Lugo, e a súa vinculación co Camiño Primitivo, protagonizarán varias tiradas.
Deste xeito, a Sociedade Filatélica poderá remitir a Correos unha serie de imaxes para que as teñan en conta de cara ás devanditas emisións, que abarcarán tanto selos ordinarios como ATM (selos de pegatina de máquinas automáticas) e mesmo unha tarxeta enteiro postal.
CONDICIÓNS
Para participar nesta iniciativa para elexir a imaxe de Lugo que optará a figurar en selos de Correos, deben presentarse fotografías de calidade e que non estén manifestamente retocadas.
A Sociedade Filatélica Lucense lembra que non hai premio algún para os participantes, xa que se trata dunha "colaboración desinteresada" desta agrupación con Correos, "e cremos que o verdadeiro pracer de ver unha imaxe remitida desde a nosa cidade nun selo é en sí mesmo unha recompensa", din.