Bustos anuncia melloras no campo de fútbol da Polvoreira

LugoXa
O Goberno local prevé a instalación dun novo céspede artificial de última xeración e orixe reciclado, un innovador sistema de rego que permite un importante aforro de auga e un alumeado que aposta pola eficiencia enerxética con tecnoloxía LED.
jorge bustos reunion polvorin
6 sep 2023

O Goberno local prevé a instalación dun novo céspede artificial de última xeración e orixe reciclado, un innovador sistema de rego que permite un importante aforro de auga e un alumeado que aposta pola eficiencia enerxética con tecnoloxía LED.

O Concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, reuniuse esta mañá cos representantes dos clubs deportivos que desenvolven a súa actividade no campo de fútbol da Polvoreira para anunciar a intención do Executivo de Lara Méndez de abordar unha profunda remodelación desta instalación municipal. O obxectivo do encontro foi dar a coñecer as liñas mestras do proxecto, co que xa conta o Goberno local, e recoller as suxestións e necesidades do tecido asociativo para incluír no plan de mellora da Polvoreira. Así mesmo, Bustos transmitiu aos representantes deportivos a necesidade de coordinar a futura remodelación coa actividade dos adestramentos dos equipos e coas distintas competicións. “Miles de crianzas e adultos desenvolven a súa actividade deportiva neste campo ao longo da tempada, ademais en verán existen habitualmente solicitudes para realizar campamentos, campus e xornadas formativas, polo que é fundamental establecer unha folla de ruta clara que, chegado o momento, permita realizar os traballos perturbando o menos posible a forte actividade que alberga esta instalación”, sinalou o concelleiro.

O Goberno local prevé instalar un novo céspede artificial de última xeración e orixe reciclado, un innovador sistema de rego que permite un importante aforro de auga e un alumeado que aposta pola eficiencia enerxética con tecnoloxía LED. “ É preciso realizar esta modernización do campo da Polvoreira tendo en conta criterios de sustentabilidade que ademais vannos permitir un importante aforro no gasto de mantemento da instalación coa súa repercusión positiva sobre a economía municipal e o noso medio ambiente”, sinalou Bustos.

Deste modo, o Concello aposta pola instalación dunha base elástica de caucho reciclado para mellorar a resiliencia do terreo de xogo e minimizar o risco de lesións das persoas usuarias. “Este tipo de pasto sintético está incorporado plenamente á economía circular ao incluír materiais procedentes de reciclaxe, concretamente de pneumáticos fora de uso. O terreo de xogo contará con 100 toneladas de material de recheo de caucho granulado, o que equivale a máis de 22.000 pneumáticos de turismo. Ademais, a base elástica e o céspede serán 100% reutilizables tras a súa vida útil”, sinalou o concelleiro.

Eficiencia enerxética

Con estas melloras, o Goberno local aspira a que a instalación deportiva alcancen unha redución de consumo de enerxía primaria non renovable de polo menos un 30%. Para iso, realizará unha renovación total do sistema de iluminación, actualmente formado por proxectores de halóxenos que será substituídos por proxectores LED de alta eficiencia enerxética.

Ademais, co cambio dos actuais canóns de longo alcance en superficie por aspersores emerxentes reducirase o consumo de auga nun 10%. Por outra banda, a auga da rega ou choiva que recollen os canlóns de drenaxe laterais conduciranse a un depósito subterráneo para a súa reutilización, co que, entre ambas as actuacións, redúcese practicamente a cero o consumo de auga. “No proxecto contemplamos unha optimización total na xestión integral da auga destinada á rega do campo de fútbol, logrando unha instalación totalmente sostible neste aspecto”, concluíu o edil.

0.16646695137024