Caballero presentou o seu proxecto en Lugo

LugoXa
Anuncia a celebración o ano que vén dunha convención municipal, que servirá para “preparar o mellor proxecto para as municipais"
gonzalo caballero psoe lugo
28 Out 2021

Gonzalo Caballero mantivo un encontro coa militancia socialista de Lugo no marco das primarias que se celebrarán o vindeiro sábado.

Neste foro, a poucas horas do debate de primarias, Gonzalo Caballero subliñou que “represento o proxecto de esquerdas e galeguista gañador en Galicia”.

“E cada día atopo máis forza na militancia socialista, que quere seguir avanzando co proxecto que eu represento, e non retroceder”, remarcou, co convencemento de que “somos máis os e as militantes socialistas que queremos seguir avanzando cun PSdeG na esquerda e o galeguismo” e cos “valores do feminismo, o ecoloxismo e o compromiso ético como bandeira”.

Así, cun proxecto concibido “para gañar dentro, coa militancia, e gañar fóra, coa cidadanía galega”, Gonzalo Caballero avanzou que o seu obxectivo é o de “construír un PSdeG forte ao servizo de Galicia”.

Neste senso, o programa de Gonzalo Caballero inclúe medidas para afrontar con garantías os vindeiros retos electorais. “Este proxecto é a mellor garantía para afrontar con éxito as municipais e as xerais de 2023 e para gobernar Galicia no 2024”, recalcou.

En concreto, coa vista posta nas locais, Gonzalo Caballero comprometeu a celebración o ano que vén dunha convención municipal que servirá para “preparar o partido para volver ter resultados históricos”.

REACTIVAR O PARTIDO TRALA COVID

Ademais, coa idea de reactivar o partido tralo paso da covid, no programa de Gonzalo Caballero figura un plan para dinamizar as casas do pobo, retomar as actividades da Escola de Formación Ceferino Díaz e do laboratorio de ideas progresistas e para fortalecer a estrutura comarcal do partido.

Do mesmo xeito, no seu proxecto inclúense cuestións como a imposibilidade de acumular cargos e o rexeitamento ás portas xiratorias; medidas para incorporar á cidadanía progresista ao PSdeG, con especial atención á mocidade; e a creación dunha oficina de apoio aos grupos municipais socialistas.

0.21887183189392