Caixa Rural e a USC colabora nun proxecto de investigación en acuicultura

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O padroado da Fundación destinou unha achega económica de 25.000 euros para contribuír á dotación de persoal ao proxecto durante un ano
proxecto-investigacion-acuicultura-caixa-rural
21 Dec 2024

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas acordou coa USC unha achega económica para o proxecto de investigación titulado Optimización da edición xenética CRISPR/CAS9 para mellorar a resistencia a enfermidades en acuicultura.

O proxecto nace dunha colaboración entre os grupos de investigación BioPhysChem e Acuigen, no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, coa finalidade de optimizar os métodos de introdución de material xenético nas células. Os investigadores perseguen melloras na produción sostible e saúde animal utilizando nanopartículas como vehículos de transporte e combinando técnicas de edición xenética con microscopía de fluorescencia. En definitiva, o obxectivo é conseguir un impacto directo na mellora da saúde animal na acuicultura, un sector clave para a economía galega.

O proxecto está liderado polo investigador postdoutoral Álvaro Jesús Arana Díaz e conta co apoio das investigadoras Laura Elena Sánchez Piñón e Mercedes Novo Rodríguez. Este proxecto tamén conta co interese da empresa Diversa, unha spin-off do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), que desenvolveu unha tecnoloxía de transporte e introdución de material xenético no interior celular e que será avaliada neste proxecto.

A achega da Fundación destinarase á contratación de persoal investigador por un período dun ano.

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas reafirma o seu compromiso coa investigación e o desenvolvemento científico, nesta ocasión no ámbito da acuicultura, un sector estratéxico para Galicia, e continúa apoiando proxectos que contribúan á mellora da saúde animal e a sustentabilidade.

A Fundación nace co firme propósito de contribuír a que a nosa terra sexa cada día un lugar mellor, cuxa finalidade será promover a investigación e a educación, prestando atención especial ao sector agroalimentario e forestal, e tratando de que quen impulse este coñecemento poidan apoiarse nunha situación que lles poida facilitar medios necesarios para conseguilo.

0.18093204498291