'Cambia a túa mirada' é a nova campaña de dinamización lingüística do Campus Terra
Unha campaña de dinamización lingüística, Cambia a túa mirada, organizada pola Facultade de Veterinaria da USC busca favorecer a integración lingüística do estudantado chegado de fóra de Galicia. Coa posta en marcha desta campaña de dinamización búscase romper con tópicos e vencer posibles prexuízos da poboación universitaria chegada de fóra de Galicia e tamén para acompañar e, se cabe, reforzar, a opción tomada polas persoas galegogafalantes para expresarse e relacionarse en galego.
A campaña Cambia a túa mirada, apoiada tamén polo Servizo de Normalización Lingüística da USC, focaliza as súas intervencións na Facultade de Veterinaria por mor das singularidades que presenta un centro ao que cada ano se incorpora un elevado número de estudantes (máis da metade do alumnado de novo ingreso) procedentes de fóra de Galicia.
Alén de favorecer a harmonía lingüística entre o alumnado galegofalante e o que non o é, Cambia a túa mirada, pretende suavizar a aterraxe e acelerar a integración na sede universitaria luguesa daquelas persoas de fóra de Galicia, facéndoos partícipes dos hábitos e costumes propios. As accións escollidas para avanzar neste proceso de sensibilización cara ao galego inclúen a distribución, a través dos grupos de whatsapp dos primeiros cursos, de vídeos con testemuños de estudantes, docentes, investigadores e profesionais en activo.
Os obxectivos desta campaña de sensibilización están estruturados arredores de catro piares, tales como son a racionalización de posibles prexuízos contra Lugo, o centro e a lingua e a cultura galega do alumnado de fóra; a sensibilización do alumnado de fóra en relación coa comunidade galegofalante, a promoción do respecto lingüístico e o favorecemento do mantemento lingüístico das persoas galegofalantes.
Os protagonistas destes documentos audiovisuais dan conta nas súas intervencións das posibilidades que ofrece o galego para o exercicio da profesión veterinaria en Galicia, ao tempo que afondan nos novos horizontes xeográficos e idiomáticos que abre o coñecemento e o emprego da lingua galega. A distribución destes contidos, a través dos que tamén se mostra unha imaxe máis precisa da realidade do Campus Terra e da cidade de Lugo e, por ende, da cultura galega, complétase con outras accións participativas, tales como son a distribución de chapas, lapis e outro material promocional ou, entre outras, a habilitación dun photocall no aulario para que a mocidade faga visibles as mensaxes que considere respecto do uso da lingua galega.