Cambian o sentido do tráfico na A-8 para continuar coas obras dos viadutos
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible está a executar as obras de reconstrución dos viadutos do Castro, situados na autovía A-6 na provincia de León, entre Pedrafita do Cebreiro e Vega de Valcarce. A calzada esquerda atópase en servizo desde decembro de 2023, cun carril de circulación sentido Madrid.
Para poder completar os traballos de impermeabilización e asfaltado que se están levando a cabo entre os km 431 e 430 na devandita calzada, é necesario cambiar o tráfico á outra metade da calzada, actualmente reservada para os traballos de obra, para o que se require previamente desprazar o sistema de contención provisional existente.
Para acometer estes traballos de desprazamento das barreiras de formigón existentes, con garantías de seguridade para traballadores e usuarios da vía, procederase a cortar o tráfico da calzada da A-6 sentido Madrid entre os km 432 e 422, desde as 22:00 e as 7:00 horas, a partir da noite do luns 16 ao martes 17 de setembro.
Estímase unha duración dos traballos de catro xornadas, sempre en horario nocturno para minimizar as molestias aos usuarios, ao termo das cales se restituirá o tráfico sentido Madrid, sen cortes nocturnos, polo tronco da autovía.
O itinerario alternativo para o tráfico sentido Madrid realizarase a través da N-6 e A-6 entre os km 432 a 422 desta última, e estará convenientemente sinalizado.
Lémbrase a importancia de respectar a sinalización provisional de obras e as limitacións de velocidade para garantir a seguridade de traballadores e usuarios.
RECLAMACIÓN DO PP
O PP lucense segue advertindo dos incumprimentos do Goberno de Pedro Sánchez coa provincia e, nesta ocasión, os representantes no Senado – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- esixirán explicacións sobre os motivos do colapso dos viadutos do Castro, na A-6; o atraso das obras de reconstrución e os prazos para a reapertura da autovía completa en condicións de normalidade e seguridade viaria.
Os senadores, acompañados por alcaldes e portavoces da comarca da Montaña e dos municipios polos que pasa a A-6, anunciaron unha batería de preguntas dirixidas ao Executivo nacional a través das que tamén queren saber se ten cuantificadas o Goberno as perdas económicas que provocou o derrubamento do viaduto e, polo tanto, o peche durante todo este tempo e se prevé algunha compensación aos usuarios da autovía A-6, en especial a condutores profesionais e transportistas.
Así mesmo, lembran que “o Goberno gastou 26 millóns de euros en obras de emerxencia no viaduto do Castro e cando remataron as obras e estaba a piques de reabrirse ao tráfico, colapsa. Máis de 2 anos despois aínda non deu explicacións, nin se coñece o resultado definitivo da investigación, nin recuperou a normalidade na circulación por ese tramo nin as alternativas foron adecuadas”. De feito, “a autovía só ten habilitado, dos 5 existentes, 1 carril en dirección Madrid que soporta o paso restrinxido de vehículos en ambos sentidos”.
Os populares cren que “tal e como van obras, parece que a reapertura completa da principal vía de conexión da provincia coa Meseta vai para largo”. E, nese sentido, inciden en que “dende o Partido Popular sempre defendemos que a reconstrución dos dous viadutos se debería facer de forma simultánea, como se fai en tódalas obras a nivel nacional. Pero a negativa do Goberno de Sánchez está a retardar a solución definitiva e, incluso, está a incumprir os prazos que daba o secretario de Estado de Transportes que, nunha visita recente, aseguraba que o viaduto estaría operativo na primavera”.
Os populares advirten ademais do mal estado do firme da autovía ao seu paso pola provincia onde, de feito, hai carrís cortados ao tráfico que xeran inconvenientes e queixas dos usuarios pola súa perigosidade. “Calquera que viaxe, especialmente de noite, entre Baralla e Vega de Valcarce sabe que é un perigo”.