Becerreá: Camiñando entre xigantes

LugoXa
Na Comarca dos Ancares, concello de Becerreá, antiga xurisdición de Cancelada de Abaixo, parroquias de Santa Olalla de Quintá e Santiago de Vilaiz, máis concretamente pasando polos lugares de Vilaiz, Balaxaz, Buisán e Casares, hai unha ruta para percorrer a pé ou en bicicleta, perfectamente sinalizado, mais aínda pouco coñecido e non rexistrado integramente polas aplicacións informáticas.
5 Xan 2024

Na Comarca dos Ancares, concello de Becerreá, antiga xurisdición de Cancelada de Abaixo, parroquias de Santa Olalla de Quintá e Santiago de Vilaiz, máis concretamente pasando polos lugares de Vilaiz, Balaxaz, Buisán e Casares, hai unha ruta para percorrer a pé ou en bicicleta, perfectamente sinalizado, mais aínda pouco coñecido e non rexistrado integramente polas aplicacións informáticas. Este sendeiro circular aparece seccionado no seu diámetro polo río Donsal, un dos afluentes que alimenta o caudal do río Navia e conta con recursos paisaxísticos, etnográficos e ambientais de enorme valor e recibe o nome de Ruta de sendeirismo Casares Vilaiz-Balaxaz.

Aquelas persoas que percorran este itinerario poderán gozar de recantos de extraordinaria beleza, especialmente se van no outono porque ao longo do percorrido atravesarán varios soutos de castiñeiros centenarios e frondosas reboleiras que medraron nas pendentes das antigas searas, Terán a oportunidade de beber as augas dalgunha fonte fría dos sebeiros ou pasar pola Vilavella en Casares, por alí está a mina da que Xabier Moure xa ten dada fe: “Uns veciños contáronme que cando eran nenos entraban con fachos acesos na longa gruta, abeirada ao principio por dúas camas de pedra onde durmían os mouros que custodiaban un tesouro”. Este arqueólogo documentou no lugar un castro que data da Idade do Ferro, é o punto máis alto da ruta e camiño de Vilaiz ofrece unhas vistas privilexiadas cara o leste, a maxestuosa paisaxe da Serra dos Ancares e os seus xigantescos cumios, o coñecido popularmente na zona como Teso ou Pico de Orro, é dicir, o Pico Cuíña (1670 metros), o Mustallar (1935 metros) ou a montaña dos Tres Bispos que alcanza no seu punto máis alto os 1794 metros.

Ao longo dos algo máis de once quilómetros, compartindo case dous coa Ruta Quintá-Río Donsal, o camiñante terá que afrontar un percorrido de dificultade media e poderá contemplar dous muíños á beira do Donsal, testemuñas daquel tempo no que os veciños levaban o gran de centeo, cebada, trigo ou millo e marchaban coa moenda, fariña e farelo para alimentar a vida dos seus fogares e ademais terá a oportunidade de observar a austeridade das construcións relixiosas como as capelas de San Xoán (Buisán) e San Martiño (Casares) ou a igrexa parroquial de Santiago de Vilaiz.

Contemplar as augas bravas e axitadas do Donsal cando hai crecida ou escoitar o seu remorso manso nos tempos de estiaxe, subir os Fontais e camiñar divisando a cúspide das montañas ancaresas deixando ás costas os altos do Lago e Restelo, así é camiñar entre xigantes, unha oportunidade para entrar en contacto directo coa natureza e gozar da súa grandeza.

0.12135791778564