'Camiño en cor' transforma a entrada a Lugo a través do Camiño Primitivo

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitaron a rúa Primavera xunto co artista lucense Iago Eireos, que vén de rematar 'Camiño en cor', un mural de gran formato que renova un dos puntos de entrada á cidade a través do Camiño Primitivo.
A obra destaca pola mestura de técnicas pictóricas e elementos tridimensionais, que xeran un xogo de sombras cambiante ao longo do día, dotando de dinamismo á fachada e transformando a percepción do espazo urbano.
Maite Ferreiro subliñou a relevancia desta intervención para a cidade, sinalando que se amplía o número de espazos urbanos transformados e se enche de vida e cor un lugar antes pouco visible. Con “Camiño en cor”, Lugo consolídase como un laboratorio urbano de creación contemporánea, unindo a tradición xacobea cunha linguaxe artística que combina pintura e escultura para convidar a repensar o espazo público e percorrer o Camiño con ollada renovada.
O centro da composición está protagonizado por unha muller peregrina, pintada en branco puro, que avanza decidida cara ao espectador. A figura simboliza o camiño interior e exterior de quen percorre a ruta xacobea, cunha especial presenza feminina.
O fondo do mural é unha explosión de cor expresionista, con verdes, azuis, violetas, amarelos e laranxas que evocan a natureza galega —os prados, as carballeiras e o ceo atlántico— ofrecendo unha interpretación emocional do territorio.