Camiño Escena Norte abre o prazo de inscrición para a sétima edición

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural por medio das artes escénicas que conecta a produción de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, celebrará a súa sétima edición do 12 de setembro ao 26 de outubro de 2025. A nova tempada deste proxecto, que abrangue entre outras iniciativas unha programación itinerante de espectáculos de teatro, danza e artes do movemento e novo circo, chega ademais cunha importante novidade a nivel territorial coa incorporación da Rioxa.
Camiño Escena Norte xa abriu o prazo de inscrición para que as compañías presenten as súas candidaturas para ser parte da sétima edición do proxecto a través do seu eixe central: o Itinerario Constelacións, unha programación que ofrece varias funcións de cada peza polos distintos territorios que conforman o programa cultural. As propostas pódense presentar ata o vindeiro 21 de febreiro a través da páxina web do CEN.
Tal e como se expón na propia web de Camiño Escena Norte, os criterios de selección dos espectáculos -a través de comisións territoriais con 5 persoas expertas por comunidade- estarán baseados na calidade, diversidade de linguaxes e estéticas e valor cultural dos mesmos, pois CEN nace precisamente coa intención de mostrar o mellor das artes escénicas de cada un dos territorios que conforman o proxecto.
Un total de 30 expertas en artes escénicas traballarán de xeito colexiado. Nun proceso transparente e garantista, cada experta realizará unha selección previa para, despois, en común, realizar unha clasificación conxunta da que sairán tanto os 18 espectáculos (3 por territorio) que formarán parte do Itinerario Constelacións, como os 36 (6 por comunidade) que formarán o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camino Escena Norte. Este documento é unha ferramenta que, desde 2023, serve de promoción e apoio ás profesionais das artes escénicas para favorecer a distribución das súas creacións en todo o territorio estatal, alén do propio ámbito do CEN.
Logo dunha edición de resistencia, Camiño Escena Norte regresa con forza grazas á incorporación da Rioxa. Trátase do sexto territorio que conforma o programa, nado no 2019 coa intención de visualizar, difundir e distribuír as artes escénicas profesionais galegas, asturianas, cántabras, vascas e navarras alén das súas fronteiras. Así, a asociación AESCENA e o Goberno da Rioxa súmanse a unha iniciativa da que xa forman parte as asociacións profesionais Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE, Eskena e ESNA, ademais de gobernos autonómicos, provinciais e forais. En Galicia, Camiño Escena Norte conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Agadic.
Ademais do Itinerario Constelacións, Camiño Escena Norte desenvolve toda unha inxente actividade paralela a través do Camiño Expandido. É o caso do citado Catálogo de Espectáculos Recomendados Camino Escena Norte, así como do evento profesional Habitación Peregrina PRO, os encontros das compañías co público e outras iniciativas que se darán a coñecer nas semanas previas ao inicio da sétima edición.