Camiño Escena Norte chegará a once localidades galegas

LugoXa | AMariñaXa
Melide, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo e Vimianzo súmanse este ano ás localidades de Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Santiago de Compostela e Viveiro como sedes do circuíto de funcións 'Itinerario Constelacións'.
festival camino escena norte
10 sep 2023

Melide, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo e Vimianzo súmanse este ano ás localidades de Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Santiago de Compostela e Viveiro como sedes do circuíto de funcións 'Itinerario Constelacións'.

Camiño Escena Norte (CEN) celebra a súa quinta edición incrementando o intercambio de compañías, profesionais e públicos en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. O lema Vieiros que conflúen describe unha programación oficial que se celebrará do 17 de setembro o 22 de outubro, con 15 compañías de teatro, danza e artes do movimiento e novo circo, amosando os seus espectáculos en perto de 60 sedes que forman parte do Itinerario Constelacións.

A quinta edición do Camiño Escena Norte conta con importantes novidades, como a incorporación definitiva ao proxecto da Comunidade Foral de Navarra; un aumento sustancial da programación en todos os territorios, ao pasar de 38 a 57 sedes; a estrea de Vieiros, unha rede de colaboración con proxectos locais, que en Galicia será o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT); e un programa de conversas e mesas redondas coorganizado e financiado pola asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.

Itinerario Constelacións

Os 15 espectáculos da quinta edición, tres por territorio, conforman o Itinerario Constelacións, o programa de exhibición artística de corte xeralista na que prevalece a diversidade de linguaxes, estéticas e formatos; producións de teatro, danza e artes do movemento e novo circo tanto para público infantil coma para o adulto. Esta programación ofrecerase en 57 sedes entre Santiago de Compostela e Sangüesa, en escenarios históricos e espazos singulares de Lugo, Xixón, Santander, Bilbao, Vitoria-Gasteiz ou Tafalla, entre outras vilas do norte peninsular.

En Galicia, as funcións do Itinerario Constelacións chegarán a un total de 11 localidades, catro máis que no 2022. Así, CEN visitará Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Melide, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo, Santiago de Compostela, Vimianzo e Viveiro.

Á hora de participar no circuíto de funcións, Galicia seleccionou as compañías Caramuxo Teatro co seu espectáculo CrisálidaRebordelos con Amantis, e Xampatito Pato con Só, do que se puido ver un fragmento esta mañá na presentación do CEN na Praza do Obradoiro.

O programa chegará neste 2023 a cinco localidades da provincia: Lugo, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo e Viveiro.

  • 24.09 | Mondoñedo: Portamundos, de Cía. Levelibular (Navarra). Público infantil e familiar.
  • 01.10 | Ribadeo: Lear en las catedrales, de Ábrego Teatro (Cantabria). Público adulto.
  • 13.10 | Viveiro: Sexpiertos*, de Tanttaka Teatroa (Euskadi). Público adulto.
  • 15.10 | Portomarín: Malabaracirco, de Circus Magníficus (Cantabria). Público infantil e familiar.
  • 20.10 | Lugo: La bestia negra, de Proyecto Piloto (Asturias). Público adulto.

Ademais, tal e como é habitual desde 2021, o Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo acollerá o encontro profesional de artes escénicas Habitación Peregrina PRO, que se desenvolverá do 19 ao 21 de setembro. Nos vindeiros días daremos conta dos detalles desta edición.

Camiño Expandido

O Itinerario Constelacións convive co programa Camiño Expandido, que abrangue toda a actividade fóra do circuíto de funcións. O crecemento desta quinta edición do CEN reflíctese, tamén, nas actividades desta programación, ao reforzar os proxectos Cruzamentos e Habitación Peregrina PRO, afianzar a programación pedagóxica ESADS en camiño; e celebrar máis de 30 obradoiros, coloquios e encontros co público. O Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, a iniciativa Mirando as constelacións e a nova liña Vieiros completarán a oferta paralela deste ano.

Cruzamentos é un dos piares de Camiño Escena Norte. Nesta rede de estancias de intercambio escénico, artístico e profesional participan artistas de Galicia, Cantabria, Euskadi e, por primeira vez, Navarra. A terceira edición de Cruzamentos comezou o 4 setembro e finalizará o 30 de novembro. As artistas e compañías seleccionadas, no caso galego, son Marta Alonso Tejada, que abordará coa vasca La Sala os proxectos Shine + Dancin’ Queen, e Paula Quintas Cía, quen traballará tamén coa vasca Node sobre Me arrepiento. Ademais, Os Náufragos Teatro achegará a súa mirada sobre a instalación-espectáculo inmersivo Meeting Baby da cántabra Escena Miriñaque.

Habitación Peregrina PRO é un espazo de convivencia profesional onde as compañías entran en contacto, coñecen as súas liñas de traballo e propostas estéticas, afondan na realidade dos distintos circuítos de programación, exploran vías de coprodución e acceden a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional. O encontro terá lugar no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo entre o 19 e o 21 de setembro.

Nesta quinta edición estréase Vieiros, iniciativa que une CEN cun proxecto cultural de cada comunidade co obxectivo de dar forza e contexto ao CEN e, á vez, visualizar e proxectar fóra de cada comunidade as distintas programacións locais.  Este 2023 traballarase co Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, en Galicia.

Camiño Escena Norte 2023 contará con 36 accións de acompañamento coas compañías participantes, 11 delas (obradoiros e encontros co público arredor dos espectáculos Crisálida, Amantis e Luna) en colaboración coa asociación Te Veo e, por primera vez, ofrecerá dúas citas específicas para o alumnado de dous centros de ensinanza secundaria en Navia (Asturias) e Tafalla (Navarra). Ademais, CEN volverá incluír no seu programa a proposta ESADS en camiño, un proxecto de colaboración e intercambio educativo e profesional que pon en contacto ao alumnado das escolas superiores ESAD de Galicia e Asturias e a ESADD de Euskadi (Dantzerti) coas compañías do Itinerario Constelacións.

Outra das novidades é o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, unha selección de 30 producións realizada polas comisións profesionais de CEN que levarán o selo Espectáculo Recomendado Camino Escena Norte. Esta marca de calidade servirá de promoción e apoio á distribución dos mesmos fóra do ámbito do proxecto. O catálogo, editado en formato dixital, enviouse a un total de 400 profesionais da programación das comunidades que participan no CEN e do resto do Estado.

Finalmente, tamén nacerá a proposta Mirando as constelacións, un mapeo das sedes nas que haberá actividades de CEN para centrar a atención na importancia destes espazos, escénicos ou non, como lugares de encontro, socialización e intrahistoria das localidades, alén do seu valor patrimonial ou arquitectónico. Esta iniciativa pon o foco, especialmente, nos teatros das vilas.

A imaxe da quinta edición

A imaxe oficial do CEN sempre parte dunha fotografía dun dos espectáculos do Itinerario Constelacións. Este ano a obra elixida é Gorpuztu, da Cía. de Eva Guerrero, autora tamén da fotografía orixinal. Cinco cintas envolven a imaxe central da composición, a bailarina e coreógrafa Garazi López de Armentia, na que conflúen os cinco territorios dos proxectos, as edición edicións realizadas do CEN e as entidades que unen as súas forzas neste proxecto.

Organización e apoios

CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra), que se incorpora este ano. Todas elas únense na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interés Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto, que toma a ruta histórica dos Camiños de Santiago como referencia para ofrecer unha intensa programación escénica.

CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das cinco comunidades implicadas, como Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.

0.11169695854187