Camiño Escena Norte representa este venres en Lugo 'La bestia negra'
Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, fará este venres, 20 de outubro, a última parada da súa quinta edición na provincia luguesa. O auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá, a partir das 20.30 horas, a representación de La bestia negra, un espectáculo de danza da compañía asturiana Proyecto Piloto que pon sobre a mesa o concepto histórico de histeria. A entrada é gratuíta, mais compre retirala a través de www.entradaslugo.es
La bestia negra, gañadora do Premio Jovellanos 2022 á Mellor Produción Escénica e dos Premios Oh! 2023 ao Mellor Espazo Sonoro e Mellor Iluminación, mergúllase na historia do concepto histeria. A obra rende homenaxe, concretamente ás 4.000 mulleres que, a finais do século XIX, habitaban o hospital parisino de La Salpêtrière, no que vivían entre a realidade do seu día a día e a representación teatral, exaxerada, exhibicionista e fotografada da súa suposta enfermidade. Para a compañía asturiana, esta obra “é unha homenaxe a todas elas, pero tamén un intento de entendelas e, aínda máis, de querelas”. Así, a través da danza, a música e as artes visuais, a peza convida ao público a reflexionar sobre os conceptos e percepcións históricas asociadas ás mulleres.
O espectáculo La bestia negra estrutúrase en tres partes diferentes nas que as mulleres que habitan a obra agardan a mirada. Na primeira parte, elas agardan a mirada de quen observa, ao igual que as mulleres de Salpêtrère agardaban pacientemente seren fotogradas. Na segunda, as intérpretes falan e dialogan entre elas e co público, esperando unha explicación que nunca chega como e cando contan. Finalmente, a espera culmina co recordo e a idealización dun pasado-futuro. Ao remate da función, celebrarase un encontro entre a compañía e o público, que contará coa participación de Paloma Lugilde, de Teatro Baixo da Area.