Campa chega ao Escenario Hipócrita coa súa sesión de historias contadas de viva voz
A función prevista para este sábado, día 25, a cargo da compañía cántabra Ábrego no Escenario Hipócrita tivo que ser adiada por problemas de saúde da actriz protagonista. No seu lugar, o espazo acollerá unha sesión de historias contadas de viva voz para público mozo e adulto, a cargo de Campa.
Contar por contar é o titulo da sesión. A R.A.E di que contar é referir un suceso verdadeiro ou fantasioso e acompaña a definición con algúns sinónimos como narrar, relatar, detallar, expresar. Isto é o que encerra o primeiro contar. O segundo contar remítenos a un encontro de almas para compartir unha viaxe polo camiño das emocións transitando a memoria individual e colectiva.
Para que ámbolos dous contares sexan completos, só fai falla unha persoa que conte e outras con gañas de acompañala nesa viaxe. A cita será comezará ás 20.00 horas. Deste xeito, dende o colectivo continúan cunha programación variada que abrangue diferentes xéneros e estilos dentro das artes escénicas, dende o teatro físico á improvisación e que conta co apoio da Área de Cultura da Deputación provincial.