Campo Castelo contará co primeiro Ecoparque urbano en Lugo

LugoXa
Campo Castelo será o primeiro Ecoparque urbano na cidade de Lugo tras a renovación integral que levará a cabo o Concello
Campo castelo ecoparque
1 Mar 2023

A área de xogos do Campo Castelo será remodelada de forma integral baixo o concepto de Ecoparque urbano, pola composición dos elementos que acollerá pero, sobre todo, porque permitirá unha transición serena da renovada dotación pública cara a Praza Maior e o Concello, respectando os condicionantes da súa localización e mellorando a estética da zona PEPRI.

“Crearemos un novo espazo de lecer aberto e integrador que favoreza a convivencia en harmonía coa contorna na que se atopa, mediante unha solución arquitectónica que adaptará o espazo para o goce das familias e do conxunto da cidadanía, rompendo co concepto de parque pechado que existe agora”, resumiu Lara Méndez.

A alcaldesa sinalou que a identidade propia que terá este novo parque, que se amplía en máis 70 m², servirá, igualmente, para incrementar a súa funcionalidade dende un punto de vista inclusivo.

“Combinará o eco deseño do que sería puramente unha instalación infantil con outros recursos urbanos, de esparexemento, visuais e paisaxísticos que axudarán a resolver os límites espaciais do recinto coma se estes foran unha extensión cara a Casa Consistorial e a praza Maior”, incidiu.

Nestes sentido, as escaleiras serán substituídas por ramplas, e os cerramentos, tanto deste parque como do recinto infantil próximo, serán moito menos invasivos adoptando unha configuración de murete revestido en madeira, que exercerá de banco para favorecer a socialización.

A accesibilidade e a sostibilidade serán as dúas premisas transversais da actuación, xa que todo o mobiliario procede da reciclaxe de plásticos e terá certificado de baixa pegada de carbono, cumprindo así os obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030.

“Todos os xogos e mobiliario do Parque Infantil de Campo Castelo contará cos selos Made Green produtos feitos a base de materiais reciclados post-consumo (como residuos recuperados do océano, téxtiles usados, envases alimentarios, etc.) que supoñen unha redución de aproximadamente o 50 % das emisións de carbono en comparación con produtos tradicionais elaborados a partir de fontes virxes. E tamén do selo ‘Born Green’, que obteñen aqueles produtos feitos do propio material de construción da natureza como a madeira, procedente de silvicultura sostible e, por tanto, pouco contaminantes”, aclarou.

Todo o parque disporá dun pavimento de caucho continuo, con revestimento decorativo, respectuoso co medio ambiente e con propiedades antiescorregadizas e outras caranterísticas técnicas que garanten unha longa durabilidade e boa resposta ao uso á intemperie. “O propio chan será un elemento lúdico máis que, con deseños vistosos e coloridos, predispoña á imaxinación e permita ás crianzas crear un fío argumental entre as actividades que teñen ao seu alcance. Será unha sorte de illa dos divertimentos onde desfrutarán dunha cama elástica, unha torre tripla con escaleira e mesmo dun multibalancín de gran capacidade”, referiu Lara Méndez.

Un anel xiratorio, unha cunca inclinada e mesmo un carrusel tipi con abrazadeira serán outras das opcións que poderá escoller a cativada para ocupar o seu ocio mentres exercitan habilidades físicas e estimulan o equilibrio, a percepción do espazo ou a concentración. E xa pensando na rapazada, un conxunto de bloques icónicos de formas xeométricas, fomentarán o encontro entre adolescentes coa escalada como fío condutor.

“Cun aspecto escultural e presas profesionais achegaremos entretementos e desafíos dunha forma segura para nenos e nenas de diferentes idades e con diferentes destrezas, apostando por un modelo interxeracional de parque, con atractivo suficiente para que diversos colectivos e perfís acaben compartindo momentos de xogo”, sostivo a alcaldesa.

En canto ao mobiliario urbano, Lara Méndez adiantou que o parque contará con papeleiras elaboradas con residuos que de forma cotiá se desbotan, precisamente, ao lixo.

“Cun deseño moderno, están fabricadas por completo a base de polímero reciclado, recuperado da fracción de envases da recollida selectiva que garanten a circularidade do material desde a súa orixe ata o final da súa vida útil. Moi funcionais, son tamén resistentes aos raios UV, á auga e ao resto de inclemencias meterolóxicas. E, xa con relación aos bancos, estes serán de plástico reciclado e reciclable que, apenas, precisarán de mantemento”, apuntou.

Pola súa parte, o tenente de alcaldesa e responsable de Medio Ambiente, Miguel Fernández, explicou que, antes de comezar a obra, procederase á retirada dos elementos actuais, así como do pavimento do recinto.

“Limparemos a soleira e se arranxarán, tamén, os danos detectados na superficie. Recolocaranse as arquetas existentes e se incrementar a iluminación para aumentar a súa versatilidade no inverno, substituíndo os dous farois por outros tres de maior eficiencia enerxética, en consonancia co resto de actuacións que estamos levando a cabo nos diferentes barrios da cidade en prol da súa humanización”, afirmou.

A intervención, cuxa licitación se aprobará mañá en Xunta de Goberno, suporá un investimento municipal de 343.914 € e disporá dun prazo de execución de 5 meses para materializar os traballos.

Miguel Fernández lembrou, alén, que nos últimos meses foron rehabilitados e mellorados os parques do Miño, Roi Xordo, San Roque, Río Mandeo, Avenida das Américas, Augas Férreas, Rosalía de Castro ou Aquilino Iglesia Alvariño, entre outros nos que tamén se inclúen o de Novo Freire, de nova creación, e o do Castiñeiro, xa en licitación alén de manterse a planificación prevista para habilitar novos espazos en Paradai e Fontiñas, atendendo ás demandas que traslada a cidadanía.

0.18811392784119