Campus Terra e HULA estudan o cometido dos microminerais en doentes oncolóxicos

LugoXa
Campus Terra y HULA estudian el cometido de un suplemento alimentario con microminerales en los enfermos oncológicos.
campus terra hula minerais cancro2
26 Dec 2021

O estudo dos niveis basais que presenta a poboación da provincia de Lugo e a posterior análise e valoración sobre o uso destes nutrientes esenciais como suplemento complementario das terapias convencionais contra o cancro centra o obxectivo do proxecto ‘Minerais contra o cancro’, unha iniciativa de ciencia solidaria impulsada polo grupo de investigación en Medicina Animal (IMedA) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC xunto co Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) que está aberta a doazóns da cidadanía na plataforma de micromecenado Precipita da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt).

O proxecto Minerais contra o cancro nace co obxectivo investigar en profundidade o potencial cometido que poden desenvolver os microminerais en doentes oncolóxicos da provincia de Lugo, a fin de determinar así a súa posible incidencia en determinados tipos de tumores, e valorar se o seu emprego como suplemento complementario das terapias convencionais de quimioterapia e radioterapia axuda a mellorar o prognóstico destes doentes, explica Marta López Alonso.

A profesora da área de Patoloxía Animal na Facultade de Veterinaria e coordinadora deste proxecto na USC salientou asemade que os promotores de ‘Minerais contra o cancro’ pretenden achegar a ciencia á cidadanía e implicar a sociedade na investigación a través dunha dobre solicitude: apoio económico para custear as análises de minerais e doazóns de mostras de sangue para desenvolver o citado estudo. Como contrapartida, engadiu López Alonso, as persoas que cedan as súas mostras de sangue recibirán un informe cos valores do seu status mineral. A coordinadora do proxecto Minerais contra o cancro cifrou en preto de 400 as mostras de sangue que se precisan como mínimo para acadar un escenario representativo na investigación.

A profesora López Alonso aproveitou a presentación desta nova liña de traballo conxunta entre USC e HULA, un acto no que tamén participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o director asistencial da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos do Sergas, Rafael Monte Secades, para precisar que este proxecto forma parte da tese de doutoramento que está a desenvolver Inés Rivas Fernández, ao tempo que lembrou a xa ampla experiencia coa que conta o grupo de investigación en Medicina Animal no estudo do metabolismo mineral en diversas especies domésticas. Neste ambicioso proxecto de I+D tamén participan outros docentes e investigadores do Campus Terra da USC, tales como Marta Miranda Castañón, Carlos Herrero e Víctor Pereira, así como Ignacio Fernández e Rosa Argüeso, do Hospital Universitario Lucus Augusti.

Importancia dos microminerais
Os microminerais son nutrientes esenciais que xogan un papel vital en moitos procesos fisiolóxicos e bioquímicos, xa que actúan como cofactores de varias enzimas chave involucradas na defensa antioxidante, a resposta inmune, a cicatrización de feridas e a regulación da expresión xénica, entre outras funcións.

As necesidades fisiolóxicas dos microminerais están ben definidas tanto en humanos como en animais, pero pescudas recentes probaron que a suplementación da dieta con minerais constitúe unha ferramenta eficaz e segura para a prevención de enfermidades específicas causadas por minerais ou, no seu caso, pola súa deficiencia, que segue a representar unha elevada casuística en todo o mundo.

Na maioría dos casos trátase de procesos silenciosos que non provocan enfermidades específicas, pero que actúan como agravantes noutras enfermidades, relatou López Alonso. Esta investigadora lembrou asemade a existencia de múltiples publicacións científicas que poñen de manifesto a presenza de deficiencias e desequilibrios de microminerais en numerosas patoloxías clínicas, particularmente en doentes críticos. “O estrés oxidativo está involucrado no desenvolvemento de dano tisular secundario e fallo orgánico nestas persoas”, explicou esta docente, ao tempo que engadiu que “os microminerais que contribúen á defensa antioxidante, principalmente selenio e zinc, mostran niveis baixos no sangue neste perfil de doentes”.

O cometido dos microminerais é especialmente relevante nas persoas que padecen cancro. De feito, está demostrada a existencia dunha estreita relación entre determinadas deficiencias minerais con algúns tipos de tumores, como é o caso do selenio nos tumores de mama e de próstata. A síndrome de anorexia-caquexia é moi común nos procesos tumorais, nos que, a miúdo, se producen deficiencias de elementos esenciais como selenio, zinc ou ferro, que teñen unha función homeostática esencial, dixo López Alonso.

Os elementos minerais tamén son moi importantes no proceso inflamatorio que se produce ao redor da maioría desta tipoloxía de tumores, o que provoca que as necesidades nutricionais sexan maiores que nun individuo san. De feito, estudos recentes mostran que a suplementación con micronutrintes antioxidantes (entre os que se inclúe o selenio) está a demostrar ser un tratamento adxuvante en quimioterapia e radioterapia que diminúe os efectos secundarios destes tratamentos e mellora a calidade de vida e o prognóstico das persoas doentes.

0.20568013191223