Candia aposta por ampliar os espazos para asociacións que traballan con persoas con problemas de saúde mental
A candidata do PP lucense ao Parlamento de Galicia e presidenta provincial, Elena Candia, explicou que “no programa do Partido Popular as persoas están no centro” e empezou a súa intervención dándolle as grazas a todas as entidades sociais pola súa implicación e esforzo, “xa que chegan co seu traballo impagable a onde as administración non alcanzan”.
Elena Candia amosou o seu entusiasmo pola creación en Lugo da que será o primeiro centro para persoas con enfermidade de alzhéimer de Galicia e que ocupará unha parte do antigo hospital de Calde. “Estou moi agradecida a Rueda e á conselleira de Servizos Sociais pola sensibilidade demostrada con este proxecto pioneiro que impactará de forma positiva na vida de moitas familias lucenses que teñen ao seu coidado a persoas que sofren esta enfermidade”.
Pola súa banda, Fabiola García explicou que o Goberno de Rueda seguirá traballando para mellorar servizos para a cidade destacando outros proxectos sociais como un novo espazo xove para ocio en todas as cidades, darlle novos usos ás instalación de Aspnais entre outros. Tamén destacou o esforzo do Goberno galego en mellorar a atención ás persoas lembrando “os 8 millóns de euros de investimento para as residencias das Gándaras e da Milagrosa e das 120 novas prazas da residencia de maiores que se abrirá nas vindeiras semanas no barrio da Residencia coa que se reforza e se sigue aumentando a rede de prazas públicas residenciais na cidade.
Saúde mental
Candia coincidiu con Comesaña na necesidade de seguir respaldando proxectos liderados por entidades sociais destacando, entre outros, a ampliación de espazos para asociacións que traballan con persoas con problemáticas relacionadas coa saúde mental. O responsable do Goberno galego comprometeu a incorporación de persoal de psicoloxía clínica en atención primaria e a extensión en toda Galicia do programa de prevención nas aulas que a Xunta iniciou este ano en varios centros.
Tamén destacou a necesidade de avanzar na atención domiciliaria de pacientes maiores e crónicos complexos para minimizar os seus desprazamentos así como a posta en marcha de unidades especiais para estes pacientes nos hospitais de día para que, no caso de ter que acudir ao hospital, eviten o paso por urxencias e reciban atención inmediata. Por último en materia de sanidade, destacou que o programa de Rueda compromete a extensión de novos programas de cribado de cancro de pulmón ou próstata, tralo éxito e ampliación dos de cancro de mama, colon ou cérvix implantados nestes anos.
A popular Elena Candia concluía agradecendo a enorme responsabilidade e sensibilidade do goberno de Rueda por garantir os servizos ás persoas “dende que están no berce ata que chegan ao bastón” e puntualizaba que estes dous compromisos con Lugo dan continuidade ao programa que presentou nas municipais no marco dun plan para promover usos sociais en edificios infrautilizados ou baleiros.
A campaña dos populares tamén levou ao titular de Medio Rural do Goberno galego e candidato pola provincia de Ourense, José González, a Outeiro de Rei onde mantivo unha reunión con gandeiros e a Guntín onde ten previsto intervir nun mitin xunto á presidenta provincial e cabeza de lista por Lugo, Elena Candia, e a rexedora local, María José Gómez.