Candia compromete un servizo de conciliación familiar para os polígonos
A candidata do PP, Elena Candia, reuniuse coa Asociación de Empresarios das Gándaras e O Ceao logo de "facer un diagnóstico da situación na que se atopan estas dúas zonas industriais que son a carta de presentación de Lugo para os que acceden dende a autovía”.
Para Candia estes polígonos están “nunha situación de indiscutible abandono” e co obxectivo de "dar un cambio de imaxe e mellorar os seus servizos comprometeu dúas actuacións innovadoras".
A primeira, un servizo de conciliación familiar aclarando que “a atención aos nenos e nenas non debe limitarse a construír unha gardaría, que só da cobertura a nenos e nenas de 0 a 3 anos, senón que se debe dar facilidades ás familias con cativos doutras franxas de idade polo que anunciou que dotará aos polígonos do Ceao e As Gándaras dunha gardaría, ocioteca e ludoteca”.
A popular tamén considera "prioritario adherirse aos concellos Doing Business". Ao unirse a este protocolo o concello tería que resolver nun mes as peticións de licenzas de obra maior. “Este compromiso de tramitacións áxiles é fundamental para evitar as fugas de empresas” resumiu a popular.
Elena Candia tamén se comprometeu a "ofrecer bonificacións ás empresas que se implanten nos polígonos e que creen empregos ou manteñan os postos de traballo. Estas bonificacións aplicaríanse en todos os tributos locais: ICIO, IAE e IBI".
Durante a xuntanza Elena Candia comprometeu "unha mellora na iluminación destas zonas industriais así como incrementar a limpeza e mantemento de viais, mellorar a recollida de residuos cunha prestación porta a porta e investimentos puntuais no soterramento de liñas".
A candidata tamén avanzou que "mellorará o transporte público dos polígonos xa que as liñas de autobuses actuais non se adaptan ás rutinas dos seus traballadores e usuarios polo que se ven obrigados a utilizar vehículos particulares para acudir ao seu posto de traballo” e tamén comprometeu "puntos de recarga para vehículos eléctricos".
Con respecto á seguridade "comparto a demanda da Asociación de Empresarios de activar cámaras que hai no polígono do Ceao". A popular concluía manifestando que “a asociación é o interlocutordo polígono con quen temos que ter unha comunicación fluída e retroalimentarnos para buscar solución aos problemas que temos xa identificados”