Candia defende os orzamentos da Xunta para a cidade de Lugo

LugoXa
A voceira do Partido Popular en Lugo, Elena Candia, defendeu "o compromiso da Xunta de Galicia nuns orzamentos centrados nas persoas e que apuntalan as prioridades que o PP defende para o municipio".
Candia PP
21 Oct 2023

A voceira do Partido Popular en Lugo, Elena Candia, defendeu "o compromiso da Xunta de Galicia nuns orzamentos centrados nas persoas e que apuntalan as prioridades que o PP defende para o municipio".

"A política social é a protagonista dos orzamentos da Xunta de Galicia en Lugo, co investimento previsto de 35,5 millóns de euros que se distribúen en proxectos que ofrecen servizos aos lucenses en diferentes franxas de idade", indica Candia

Así inclúe a renovación da residencia de maiores de as Gándaras e a Milagrosa; os programas de protección da infancia e gratuidade de garderías e as axudas á dependencia.

A popular tamén agradeceu o apoio ao emprendedor e a creación de emprego valorando “moi positivamente” o investimento de 8,1 millóns de euros para a mellora do polígono das Gándaras.

Para a popular estes orzamentos tamén supoñen "unha continuidade do grande esforzo inversor nos servizos sociosanitarios do barrio da Residencia". En materia de sanidade para o vindeiro exercicio figura unha partida para reformar o centro de saúde da Milagrosa e tamén hai fondos para a licitación do proxecto do centro de saúde do Sagrado Corazón, "condicionado a que o concello poña a disposición as instalacións do antigo colexio do barrio", engade.

A popular tamén amosou a súa satisfacción pola "gran sensibilidade", por parte da administración autonómica, á hora de financiar o programa de saúde mental e atención ás adiccións.

As achegas económicas "para que Lugo sexa unha cidade máis cómoda e as comunicacións sexan máis fluídas" reflíctense en varias infraestruturas que supoñen un total de 14 millóns de euros destacando  5,7 millóns para a estación intermodal, 5 millóns para a Ronda Leste e 740.000 euros para o aparcamento disuasorio da avenida de Breogán.

Engade Candia que os investimentos en educación e cultura completan as dotacións orzamentarias para Lugo con partidas para rehabilitacións en centros educativos e intervencións en dous bens Patrimonio da Humanidade, a Muralla e a Catedral.

0.16508793830872