Candia presenta un listado de 50 propuestas para los presupuestos de 2025
A portavoz do Grupo Municipal Popular de Lugo, Elena Candia, presentou un paquete de 50 medidas para incluír nos orzamentos municipais deste ano. As propostas, organizadas en cinco bloques, abranguen todas as áreas de goberno, cun foco especial no capítulo de investimentos, que, segundo Candia, "é o que realmente preocupa aos cidadáns, xa que os gastos correntes son fixos".
A portavoz popular aproveitou a ocasión para reclamar ao PSOE e ao BNG que presenten os orzamentos para o 2025, que "deberían estar listos desde outubro do 2024". Ademais, pediu que os presupostos sexan "realistas", lembrando que ata agora só se executou ou formalizou arredor dun 17% dos 14 millóns anunciados no capítulo de investimentos do ano pasado. Puxo como exemplos atrasos en proxectos como a remodelación da protectora de animais ou os hortos ecolóxicos.
As medidas do PP divídense territorialmente entre a zona norte, o centro e o sur da cidade, con propostas específicas para as parroquias e outras de carácter transversal.
Zona norte: rehabilitación e seguridade
Entre as iniciativas para a zona norte, destaca un plan piloto de rehabilitación para os barrios Feijoo e A Milagrosa, que inclúa obras de peonalización de maneira coordinada. Ademais, propoñen a instalación de cámaras de videovixilancia en zonas sensibles, como A Milagrosa, e nos polígonos industriais. Tamén reclaman a apertura dunha delegación da Policía Local, a creación dun aparcadoiro seguro, dotacións para o coidado dos fillos de traballadores e a renovación de tubaxes, pendente dun informe que, segundo indican, "quedou nun caixón".
Outras propostas inclúen cubrir o campo de petanca no Parque Frigsa, mellorar o parque infantil da Fonte dos Ranchos, humanizar a rúa Virxe da Soidade en As Gándaras e crear un centro interxeracional no barrio do Castiñeiro.
Zona centro: dinamización e accesibilidade
No centro da cidade, o PP aposta por un plan de accesibilidade para conectar o barrio da Estación coa zona centro, integrando a nova estación intermodal. Tamén propoñen mellorar as instalacións da praza de abastos, restaurar o Parque Rosalía e crear aparcadoiros disuasorios en Castelao e O Carme.
Para dinamizar o casco histórico, propoñen a creación dun consorcio de dinamización con sede no edificio do Vicerreitorado, un plan de apoio ao pequeno comercio e a creación dunha plataforma loxística. Tamén defenden acordos para transformar a antiga sede da OJE nun espazo deportivo e cultural, así como reforzar a vixilancia dos monumentos.
Zona sur: infraestruturas e revitalización
Na zona sur, destacan medidas como a construción dun aparcadoiro en Fontiñas e outro subterráneo en Augas Férreas, a humanización da entrada pola Fervedoira e a unión dos parques do Miño e do Rato. Outras iniciativas inclúen recuperar o anfiteatro do campus, mellorar a carballeira de Fingoi, revitalizar o barrio da Ponte e avanzar na apertura da rúa Vila Verde para mellorar a mobilidade.
Zona rural: servizos básicos e conciliación
Para o rural, o PP propón un plan de saneamento e abastecemento, melloras nos centros sociais, desbroces regulares e incentivos fiscais para paliar a subida do IBI. Tamén suxiren un servizo de baleirado de fosas sépticas, puntos de conciliación para nenos e maiores e medidas para fomentar actividades no rural.
Medidas transversais: turismo, saúde mental e persoal
Finalmente, Candia expuxo medidas transversais, como reforzar o persoal municipal, elaborar un plan de turismo, impulsar un plan de saúde mental para escolares, crear unha oficina de asesoramento en ocupacións ilegais, abrir unha oficina do maior e ofrecer servizos de coidado de menores a domicilio.
En canto ás infraestruturas, destacou a necesidade de reabrir o parque López Mella, eliminar tapóns urbanísticos e construír novas instalacións deportivas.
Candia concluíu que non se trata de realizar grandes investimentos, senón de "empezar pola redacción dos proxectos". Moitas das medidas, sinalou, "non requiren grandes desembolsos, son xestos necesarios cos veciños".