Candia propón crear un Consorcio de Dinamización do Casco Histórico de Lugo
Elena Candia mantivo unha xuntanza de traballo coa Asociación de Lugo Monumental na que se abordaron diferentes medidas para estimular a actividade do casco histórico unha delas é que “o concello lidere a constitución dun Consorcio de Dinamización do centro histórico no que participe a Deputación, a Xunta, o Goberno de España e entidades representivas do municipio”
Para a candidata do PP o obxectivo prioritario deste consorcio será “promover e coordinar accións orientadas a dinamización do casco histórico centrando as súas actuacións en tres eixos: preservar o patrimonio cultural; dinamizar a actividade económica, cunha especial sensibilidade respecto ao apoio á actividade do comercio retallista e recuperar o entorno como barrio residencial”
A candidata comparte e coincide con propostas que presenta a Asociación de Lugo Monumental como son “a necesidade de actualizar o PEPRI así como promover un plan de rehabilitación de fachadas que mellore a estética dos edificios que se ven dende o adarve da muralla”.
Con respecto á seguridade Candia reiterou que “se instalarán cámaras de vídeovixilancia para preservar tanto o patrimonio como a seguridade das persoas así como unha maior presenza policial”.
Outras medidas que se compartiron nesta mesa de traballo son “a reforma do modelo de xestión da Praza coa creación dun servizo de ocioteca” e tamén a candidata avanzou que “se ofrecerá 1 hora de aparcamento gratuíto nos parkings municipais ás persoas que compren nos comercios do casco histórico para incentivar o consumo no comercio de proximidade”.