Candia propón o uso de edificios infrautilizados no seu plan de coidados

LugoXa
Elena Candia posicionará Lugo na vangarda dos proxectos do coidado das persoas con propostas de usos para edificios infrautilizados
PROPOSTAS SAUDE MENTAL
14 Maio 2023

A candidata do PP pretende reforzar a actividade das asociacións sociais apoiándoas en dotacións coma a creación dun centro de respiro en Calde para persoas con alzhéimer ou a blindaxe de usos vencellados á saúde mental nas antigas instalacións de Aspnais.

A candidata do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Elena Candia, defendeu no segundo día da campaña electoral “un maior diálogo e unha maior colaboración” dende o Concello cos colectivos sociais.

Como exemplo dos froitos que daría este traballo en rede “constante”, Candia visitou esta mañá a residencia de Calde, onde prevé crear un centro de respiro para darlles apoio aos familiares de persoas con alzhéimer aproveitando os espazos sen uso do antigo hospital. Tal como sinalou, “a acción das distintas entidades sociais permitiu que a sociedade luguesa fose avanzando en novos servizos, algo que agora o Concello debe completar e complementar”.

Esta medida, que forma parte dun plan para promover usos sociais en edificios infrautilizados ou baleiros, terá continuidade noutras instalacións, coma a antiga sede de Aspnais, na Rampla de Claudio López, onde Elena Candia se compromete a implicarse de xeito decidido na ampliación e na blindaxe de usos vencellados á saúde mental.

Plan Local de Saúde Mental

Outra das prioridades de Elena Candia é dar maior protagonismo á saúde mental, “unha cuestión moitas veces silenciada e estigmatizada que cómpre poñer no primeiro plano nunha provincia que lidera as taxas de suicidio a nivel nacional”. A este respecto, a candidata do PP afondou no seu compromiso de impulsar un Plan Local de Saúde Mental que inclúa actuacións como:

  • A creación dunha rede de vivendas tuteladas.
  • O establecemento de unidades de prevención do acoso escolar, do suicidio e tamén dos trastornos alimenticios na xente moza.
  • O traballo en rede con centros educativos e entidades sociais para dar maiores e mellores coberturas.

“O obxectivo é converternos nun Concello punteiro na atención ás necesidades das persoas”, subliñou Candia, ao tempo que apuntou que “ogallá moi axiña se lle dea á saúde mental a mesma importancia da que xa goza a saúde física”.

Estreitar a colaboración coas entidades sociais

Por outra banda, a candidata do PP tamén se comprometeu a “intensificar o apoio” aos colectivos de carácter social coas seguintes medidas:

  • A actualización do importe das subvencións municipais nominativas que perciben as entidades sociais e a axilización na tramitación dos seus convenios, garantindo sempre a transparencia.
  • O establecemento de rebaixas fiscais para eles.
  • O deseño dun selo de responsabilidade social para iniciativas locais que promovan a inclusión profesional de persoas con discapacidade e, así, mellorar a inserción deste colectivo no mercado de traballo, para o cal se favorecerá tamén a contratación das persoas con discapacidade nas empresas que traballan para o Concello.

Finalmente, Elena Candia tamén lembrou outras accións no eido do benestar que levará a cabo se é elixida alcaldesa o vindeiro 28 de maio:

  • A creación, co apoio da Xunta de Galicia, de unidades municipais de atención temperá e post temperá.
  • O impulso dunha bolsa de voluntariado que traballe en rede coas persoas usuarias das entidades sociais.
  • A axilización da concesión de tarxetas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.
  • A posta en marcha de cambiadores inclusivos, que, cun concepto equiparable ao dos cambiadores de bebés, serán útiles ás persoas maiores ou con discapacidade e tamén a quen as coidan.
  • A implantación dun plan de apoio á diversidade que contribúa a darlles visibilidade a novas realidades sociais ao tempo que se combaten estereotipos vencellados ao colectivo LGTBI.
0.19455194473267