Candia quere eliminar o carril bici de determinados barrios da cidade
A candidata do PP sinala que “o reforzo do transporte urbano ata facelo competitivo e atractivo será o piar dunha circulación máis cómoda e segura” e avanzou que tamén “se promoverán novas solucións de mobilidade e creación de máis prazas de aparcamento”.
O programa do PP de Lugo inclúe un compromiso contundente de eliminar o itinerario do carril bici nalgunhas ubicacións por onde discurre o trazado asegurando que “esta infraestrutura ocasionou trastornos gratuítos e innecesarios, tendo en conta que non se está usando, e que influíu de forma negativa na vida de moitos barrios”.
Candia reflexionaba sobre a idoneidade do seu itinerario xa que a ruta que se deseñou “afectou aos negocios dos barrios por onde pasa, que diminuíron a súa facturación, repercutindo tamén na comodidade da veciñanza que en moitos lugares non teñen espazos nin para parar”.
A popular afirma que “cando haxa intervencións de calado que xeren molestias recabaremos a opinión dos sectores directamente afectados” insistindo en que “actuacións coma a do carril bici ou as obras de peonalización que esta semana van comezar deberían ser froito do diálogo”
MÁIS PRAZAS PARA APARCAR
Elena Candia afirmou que todos os espazos que se humanizan deben contemplar alternativas para os vehículos lembrando como “intentamos ser parte da solución e así impulsamos a creación dunha nova zona para aparcar na Avenida do Breogán prevendo as necesidades futuras da transformación deste barrio “se queremos un Lugo cómodo para vivir e para mercar neles hai que buscar alternativas para recuperar prazas de aparcamento perdidas”.
Ademais crearemos novos aparcadoiros en superficie e subterráneos en contornas coma O Carme, a rúa Castelao ou na actual estación de autobuses cando entre en funcionamento a estación intermodal. Ademais, impulso de convenios con particulares, coma no Carril das Estantigas, e solucións innovadoras, coma un aparcamento en altura na Ronda das Fontiñas ou un subterráneo en Augas Férreas.
En determinadas zonas comerciais con problemas de estacionamento, posta en marcha dun novo sistema para fomentar o aparcamento rotatorio, que será gratuíto durante as dúas primeiras horas e que estará controlado por unha APP ou coche lector de matrículas e faremos un estudo do abaratamento dos aparcamentos públicos municipais para incentivar as compras no comercio local.
TRANSPORTE URBANO
A popular salientou que “hai que facer unha reorganización profunda das liñas con máis paradas, máis frecuencias de paso e máis enlaces para transbordos así como a creación dunha tarifa plana sen límite de viaxes e do establecemento de bonificacións que poidan chegar ata o 100% do prezo do billete para persoas menores de 18 anos, xubiladas, pensionistas e familias con escasos recursos.
A aposta por unha mobilidade sostible no transporte urbano pasa por implantar un modelo útil e para dar cobertura a todo o territorio e, nese senso, compromete o servizo de taxi a demanda aos lugares do rural onde non chegan os autobuses urbanos.