Cándido Vázquez, director do CEIP As Gándaras: “Sentímonos orgullosos da acción educativa levada a cabo estes 50 anos”

Jessica Fernández
O colexio das Gándaras ponse en marcha en 1973 debido á necesidade dunha escola nesta zona da cidade, dentro do Plan Galicia de Educación de 1970 no que se prevía para 1975 a transformación da anterior Ensinanza Primaria, de xeito que o 47,3% dos nenos galegos asistan a colexios nacionais de oito ou máis unidades, mentres que o resto seguiría nas escolas rurais e unitarias.
En 1973 supérase esa previsión, xa que O Plan Galicia de Construcións escolares, primeiro, e o Plan de Urxencia aplicado a unha vintena de provincias con necesidades, despois, levantaron nas catro provincias unha serie de edificios para colexios nacionais, xa en funcionamento ou a punto de funcionar nese curso, nos que se integrou a preto de 200.000 alumnos, a metade da poboación escolar en período de asistencia obrigatoria.
A instalación nos novos edificios, a organización funcional, a adaptación do profesorado e alumnado, os servizos de transporte e comedor crearon pequenos problemas que foron arranxados polos responsables da educación. Así, créase o Colexio Nacional das Gándaras, que logo pasou a chamarse CEIP Virxe da Soidade e, finalmente, CEIP As Gándaras, tal e como se coñece hoxe en día. En setembro de 2023, comeza o funcionamento do centro educativo, cuxo director foi D. Xoán Diego Arias Rubinos e os mestres incorporados son Lourdes Vázquez, Manuel Gómez, Carmen Quiroga, Francisco Gómez, Mª Luisa López, Benigna López, Julia Carballada, Pilar Quínoa, Concepción Vila, Dolores Rúa, Dolores Casabella, Purificación Folgueira, Elisa García, Josefa Villamarín y Natividad Albadarejo, e é nomeado conserxe Alfredo López Varela.
Nese momento, matriculáronse arredor de 600 nenos e nenas achegados das Escolas Unitarias de Muxa, Bóveda, Bascuas, Barbain, Gondar, San Martín de Carballido, Román, Pedreda, Rubiás, Escola da Estación e Teixeiro, pero en 1979 recóllese o dato de 750 alumnos e alumnas e 42 profesores e profesoras.
No ano 2015 o alumnado do centro era de 150 alumnos e alumnas, o que mostraba unha gran baixada da matrícula debido a que os estudantes proviñan das zonas rurais e agora esas zonas cada vez teñen menos xente, ademais de que baixou a natalidade.
Cándido Vázquez, director do CEIP As Gándaras desde o ano 2011, valora explica que, actualmente, contan con arredor de 140 nenos “dun nivel medio-baixo pero normais, sen conflitos nin problemas de convivencia. Con respecto ao descenso de alumnado, perdemos arredor de 5 alumnos/as por ano, pero dáse en todos os colexios porque hai un descenso xeralizado da natalidade. Sobre todo, nas Gándaras foi notable o descenso de alumnado nos últimos 20 anos debido a que case todos os nenos eran do barrio e das zonas rurais, que se foron despoboando. Así, agora hai catro rutas de autobús escolar, cando antes había cinco. Ademais, está o feito da existencia do colexio Sagrado Corazón, que tamén leva parte do alumnado e que cremos que podería estar integrado neste centro, xa que temos as instalacións e os recursos para acollelos, pero cada zona está delimitada historicamente e pouco se pode facer”.
Ademais, di que “o colexio acolle a todo tipo de alumnado, como é normal, ao ser un colexio público, e si que hai diversidade. Hai nenos de etnia xitana, nenos da zona de Ucraína, nenos de América do Sur, de África, e tamén españois e galegos. Todos os nenos e nenas intégranse ben no colexio e hai unha boa convivencia entre todos, o que valoran moito os pais. Ademais, os profesores fomentamos esa diversidade e esa convivencia, xa que cremos que é importante coñecernos e recoñecernos.

TRABALLO DO PROFESORADO
Con respecto ao equipo de traballo, o director di que lle gusta “o equipo de persoas coas que traballo que, para min, están moi ben escollidas, a pesar de ter sido ao azar, porque son profesionais de media moi alta, tanto humana como profesional. Agora mesmo somos 18 profesores e contamos con especialista en Audición e Linguaxe, que compatibiliza co cargo de Secretaria, e unha persoa de Pedagoxía Terapéutica; aínda que necesitamos máis persoal, xa que o alumnado de necesidades especiais está aumentando”.
Así, valora positivamente os seus 14 anos de director: “Foron moi entretidos e con algún altibaixo, pero en xeral estables e positivos. Cando cheguei eu, houbera 3 directores en 4 anos e eu creo que foi unha etapa complexa. Cando collín o mando eu xa viña de ter unha experiencia como director na Costa da Morte durante 8 anos e esa experiencia foi clave para asumir este desafío e cada vez mellor. Espero seguir á fronte do colexio moitos anos máis porque estou contento, teño ganas de facer moitas cousas e ademais transmito calma e serenidade, polo que me din, o que tamén é importante para ocupar este cargo. Pero, sobre todo, insisto na experiencia, porque somos humanos e cometemos erros, eu o primeiro, polo que os primeiros anos son máis difíciles. Hai que tomar moitas decisións en pouco tempo e podemos equivocarnos, pero hai que ilo aceptando e aprender para non cometer os mesmos erros. Pero, en definitiva, ser director é algo vocacional, que che ten que gustar, porque ademais é un labor diversificado e, ademais de facer moitas cousas, pasas moitas horas”.
Entre esas cousas, destacan as actividades que se organizan ao longo do ano, comezando polo Magosto, o Nadal, o Entroido, o Día da Paz, os Maios e o fin de curso. “Ademais, facemos cos nenos moitas saídas en horario lectivo para promover a cultura, como unha saída a ver unha obra de teatro ao Gustavo Freire, a visitar a Aldea das Formigas, excursións a outros municipios e provincias...”, explica Cándido.

ASPECTOS POSITIVOS DO CENTRO
Vázquez pon en valor as instalacións do CEIP As Gándaras, que conta con dous polideportivos, tres patios de recreo, un patio só para Infantil, unha zona de patio con parque natural, aula de música, aula de psicomotricidade, aula de relixión, aula para a ANPA, comedor escolar, aula TIC, aula de informática, aula para audición e linguaxe, aula para o programa PROA, departamento de Orientación, Biblioteca Escolar, salón de actos, tres unidades de Infantil e seis para Primaria. “Ademais, temos dous edificios, un que alberga os labores administrativos, de dirección, claustro, secretaría, etc.; e outro dedicado exclusivamente ao labor docente”, destaca.
Para el, tanto o espazo co que contan e o labor docente é “a base de que moitos alumnos e alumnas destacaran profesionalmente. “Nas Gándaras temos a sorte de contar con persoas recoñecidas no mundo que se formaron aquí e nós presumimos da calidade da nosa ensinanza porque contamos cunhas instalacións envexables nun lugar tranquilo que permite facer actividades en contacto coa natureza, así como as grandes aulas permiten a expresión e o mellor desenvolvemento por parte do alumnado, aquí hai espazo para moverse. Ademais, ao ter a ratio máis baixa que noutros centros educativos, podemos levar a cabo unha aprendizaxe máis personalizada, o que incide no desenvolvemento persoal e educativo de cada cativo”, destaca.
Porén, teñen unha serie de necesidades, “como que nos cambien as ventás, xa que son vellas e por elas en inverno marcha a calor, por iso necesitamos unhas que se adapten á situación actual e conserven mellor a temperatura. Gastabamos moitos cartos en calefacción, xa que temos outro edificio que hai 20 anos se utilizaba para Infantil e ao reducir o alumnado trouxemos todos os nenos ao edificio principal, aforrando así tamén enerxía e integrando a todo o alumnado no mesmo lugar. Outra das necesidades é mellorar a rede eléctrica, que non se cambia desde que se puxo en marcha o centro e ás veces sobrecárgase e salta. Creo, tamén, que se deberían cambiar as luces por unhas LED que consumen menos. É máis, teño pedido o Plan de Mellora dos Colexios á Xunta. En definitiva, o labor do director é ser un xestor do diñeiro que lle dá a Administración a un centro educativo público e as contas teñen que chegar en positivo a final de ano, polo que buscamos a eficiencia en cada xestión que facemos. Outra das necesidades é que nos poñan beirarrúas; é unha demanda que levamos anos facendo ao Concello de Lugo, xa que son necesarias diante dun colexio e permiten máis seguridade para os nenos e nenas e as súas familias”.

O FUTURO
Con respecto ao futuro próximo, cabe destacar a celebración dos 50 anos, que terá lugar no mes de xuño, durante toda a última semana lectiva. “Así, os nenos e nenas desfrutarán de actividades como espectáculos, música, maxia... E o vindeiro 21 de xuño teremos a celebración especial aquí no colexio, onde contaremos coa actuación da Banda Filarmónica de Lugo, con maxia e logo celebraremos unha comida todos xuntos no polideportivo do centro. Esperamos que sexa un día moi especial, xa que tamén teremos expostas fotos destes 50 anos de ex alumnos e tamén as dúas vitrinas de premios e trofeos que le foron concedidos ao colexio nestes anos, xa que parece ser que houbo unha gran actividade cultural e deportiva que foi galardoada”.
Finalmente, o director do CEIP AS Gándaras, Cándido Vázquez, ten como visión de futuro “seguir promovendo unha educación de calidade para os nenos e nenas que veñan ao colexio, seguir ofrecendo actividades complementarias para o bo desenvolvemento persoal dos cativos, así como ir mellorando o que poidamos e da man das institucións que nos axudan a conservar e mellorar as instalacións, que, pola súa magnitude, poderían albergar, incluso un CPI en vez dun CEIP, o que tamén aliviaría ao Sanxillao, que cada vez acolle máis alumnado e vese afogado cada ano, xa que todos os nenos das Gándaras e do Sagrado Corazón fan aí a ESO máis outros que, por proximidade ou elección, acoden a el. Porén, non creo que sexa posible a conversión. Se me preguntas que vai pasar con este colexio, non creo que peche en 5 anos, xa que o número de nenos que entran en Infantil se manteñen, e estamos arredor de 15 alumnos en Infantil; pero non podo saber o que vai pasar dentro de 20. Eu espero que non, porque temos unha construción que, con conservación, pode ser escenario dunha gran actividade educativa por moitos anos”, concluíu.