Cando ti eres a comisión: “Estabamos na verbena contratando ás orquestras para o ano seguinte”

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa
As comisións das Gándaras, de Vilalba, de Oural e O Noso Foz acumulan meses de traballo e planificación cun único obxectivo: que os veciños desfruten das súas festas
comisión_as_gandaras_o_noso_foz_vilaba_oural
Comisión das Gándaras, O Noso Foz, de Vilalba e festas de Oural
27 Jul 2024

Lucía Blanco

Ir de porta en porta para xuntar o diñeiro, horas de traballo para pechar o programa, organizar xuntanzas para conseguir financialo, xestionar as subvencións e meses de planificación cun único obxectivo: que os veciños e veciñas poidan gozar da celebración como é debido. Especialmente no verán vese o resultado do esforzo de centos de comisións que loitan porque as tradicións non se perdan apoiándose nuns preparativos que comezan moito antes. “A xente pregunta como facemos. Este ano estabamos vendo á París de Noia, que abría as festas, e no primeiro pase dous da comisión andabamos cerrando orquestras para o ano que vén”, explica Jairo López da comisión das Gándaras, en Lugo.

As Gándaras, Lugo

A ese nivel chega a planificación. “Os veciños están empezando a desfrutar das festas e nós xa estamos pensando nas próximas”, detalla este mozo que leva 14 anos  na organización da cita, un cargo que parece xa “vitalicio”. “Non che está asignado pero ou decides ti parar ou se é polos veciños probablemente non pares. No 2019 o meu compañeiro e eu anunciamos que íamos a facer un parón porque levamos case unha década traballando e non fomos capaces porque nos pedían seguir”.

Jairo, que conta con experiencia máis que sobrada, asegura que cada vez son máis complexos os preparativos. “As cousas empezaron sendo moito máis fáciles do que son hoxe en día. Principalmente porque cambiou o papeleo do Concello e tamén a normativa da Xunta en canto a festas no 2018, todo se foi complicando, que nunha parte é necesario pero costa”. A alta demanda en canto a formacións tamén os obriga a adiantar as contratacións. “Se queres conseguir unha orquestra como a París ou Cinema, necesitas unha planificación dun ano polo menos e sendo en marzo, se fora en xullo e agosto xa necesitarías un par de veráns como mínimo”.

Grazas ao seu esforzo lograron que o San Xosé sexa unha das celebracións referentes na cidade. “Nos últimos 14 anos medrou bastante, de ser unha festiña de barrio pequena que non viña ninguén, só os propios veciños, a ser unha das grandes aquí”. Pero non quixeron quedarse aí, polo que os 7 membros desta organización tamén se animaron a volver a poñer no calendario unha tradición que levaba tempo desaparecida para o barrio, o San Xoán.

“Facíao a asociación de veciños e quixemos recuperala como unha xuntanza veciñal”. Pero a acollida que tivo sorprendeunos. “Ao final veu moita xente, non contabamos con que tivera tanto éxito. Estamos moi agradecidos porque todos desfrutaron e mentres os veciños estean contentos non pode haber outra maneira”. Destaca que sempre contan co seu apoio. “Moitos colaboran con nós ao longo do ano, mesmo no San Xoán chegou o momento que se nos foi das mans e algúns arremangáronse e axudaron a botar a festa adiante”.

O Noso Foz

Na comisión O Noso Foz tampouco descansan. Encárganse de organizar, xunto co Concello, algunha das citas máis consolidadas no municipio focense, entre elas o Entroido ou o San Lourenzo. Tamén colaboran nas Festas do Carme que se celebraron na vila, como vén sendo habitual, no mes de xullo, aínda que a súa preparación arrancou en agosto do ano pasado. “A organización foi dura, como todos os anos! Pero estamos rodeados de xente boa e moi válida que nos axuda sempre en todo o posible”, din.

O pregón, as verbenas, as presentacións literarias e as alfombras florais protagonizaron o programa porque o seu obxectivo sempre é “adaptar as patronais e as festas do concello a todos os públicos, que poidan desfrutar desde os máis novos ata os máis maiores”. Recoñecen que cada ano é máis complicado organizar unha festa, “aínda que tamén gañas experiencia”. Son sete nesta asociación que se renovou fai un par de anos e que enriquece a oferta cultural do municipio con propostas musicais, de teatro, danza, literatura, exposicións, homenaxes ou iniciativas para os máis cativos.

“Intentamos realizar sempre actividades para todos os públicos e repartidas un pouquiño por toda a vila, para que todos poidamos desfrutar delas durante estes meses de verán”.  O esforzo “persoal e emocional” que conleva formar parte dunha asociación non pasa desapercibido para os integrantes. “Tes que inverter unha cantidade considerable de tempo para que as cousas saian. É unha responsabilidade tremenda e cada vez é máis difícil. É reconfortante traballar para a vila, pero tamén esgotador, quen diga que todo é positivo minte”.

Pero o agradecemento por parte dos focenses, aos que animan a tomar parte na comisión, fai que todo esforzo pague a pena. “Animamos aos veciños a unirse á asociación, seguro que entre todos se farían unhas grandes festas e fai falta aire novo aquí dentro. Temos que recoñecer que grazas á comisión coñecemos xente incrible e iso é algo que nos levamos con nós para sempre”, afirman.

Vilalba

As patronais de Vilalba volven estar organizadas por unha comisión despois de varios anos nos que o Goberno local era o encargado dos festexos. Ramón, Vicente, Cristina, Sonia, Marta e Charlie deron un paso adiante para que os vilalbeses e vilalbesas non quedaran sen o seu ansiado San Ramón. “Estás esperando todo o ano polas festas, sobre todo o día 31 de agosto que vén xente que solo a ves eses días. Xa se nota no ambiente que se respira no pobo”, conta Vicente.

Ademais da financiación municipal, están a preparar o libro das festas e vendendo rifas para unha viaxe, sen data, valorada en 2.000 euros. “Tes que ir pedindo bar por bar, tenda por tenda e tamén facendo anuncios para que o pobo se implique. Xa non se pide casa por casa porque é unha loucura, pero estamos vendendo papeletas”, afirma Ramón. Andar, pedir, falar moito e días e máis días de dedicación, así se podería resumir o traballo. “Moita xente igual pensa que nos metemos na comisión para levarnos algo. E nós non levamos nada, ao contrario, estou co coche de arriba para abaixo. E constituímonos como asociación, todo vai coas súas facturas porque queremos telo todo ben”.

O traballo comezou no mes de maio e foi preciso axustarse ao máximo aos recursos económicos cos que contan. “Co diñeiro que temos queremos pagar todo e se chega para algo máis mellor. Se contrataramos nós as orquestras xa sabes máis ou menos ata onde podes chegar, pero como xa estaban contratadas temos que pagalas, non vas cambialas porque tampouco quedan moitas coa cantidade de celebracións que hai na zona nesas datas”, explica.

Foliadas, pasacalles, verbenas, actividades para os máis cativos, a Xira ou o Día do Traxe Rexional conforman a programación deste ano que segue a fórmula tradicional. “É complicado facelo todo, temos por exemplo o Certame Literario que cumpre 50 anos e temos que axudar a que saia en condicións”. Porque a súa razón de ser é clara: “Estamos loitando para que os veciños teñan unhas festas e se xunten cos seus seres queridos”.

Oural, Sarria

Asumir a responsabilidade nunha parroquia tampouco resulta nada doado. “Este ano quedamos dous á fronte, normalmente saen catro e dos catro que saíron máis dúas reservas non quixeron”, conta Javier Coto que, xunto con Jose, conforman a pequena comisión da parroquia sarriá de Oural, aínda que a experiencia venlle de familia. “Fai 40 anos os nosos pais estiveron na comisión. Nós somos amigos desde pequenos, así tamén discutimos menos —comenta entre risas—. Xa fixemos a festa fai 20 anos, aínda que non quedamos moi contentos co que se puido facer daquela e decidimos entre os dous facelo mellor esta vez dentro do que se pode”.

Pecharon o programa no mes de novembro para as festas que celebran en xullo, pero ao longo do ano non cesaron na súa actividade. “Non é fácil, en moitos pobos igual se dan cotas máis grandes pero eu entendo que non se pode, aínda que se se quere ter festa hai que xuntar cartos”. Por iso organizaron o Magosto en novembro con sesión de Dj e música tradicional. “Foi moi ben, pero metémonos en moito gasto entón a ganancia foi pequena. Así que en abril tivemos a Festa da Xuventude e trouxemos charangas que nos cedeu a Deputación e un dúo. Contamos tanto co apoio dos veciños como moita xente que non era do pobo que veu e quedamos moi contentos. Non temos queixa ningunha”.

Precisamente, o factor económico, recoñece, preséntase como o maior reto. “Xuntar os cartos faise duro. Facer unhas festas nas que a metade do presuposto ou mesmo un 60 % se xunta fóra do pobo supón moitas horas pedindo. Neste caso, todo o mundo dixo que lle gustara o cartel pero tampouco se pode facer moito máis porque o prezo das orquestras é o que é e moitas das que están collidas xa sería inviable traelas tamén. Tivemos unha pequena colaboración da Xunta e todo axuda”.

As mans non sempre chegan, polo que tanto Javier como Jose están moi agradecidos as súas mulleres, xa que “sendo solo dous sería imposible”. Xunto coas horas de dedicación e o esforzo, hai que compatibilizalo coa rutina, destaca este camioneiro. “A idea de facer unha festa é traballar ao final vas sacando tempo de onde podes, é un ano e intentamos levalo o mellor que podemos”. Javier quédase tamén co gran apoio do seu compañeiro. “Nós que somos amigos desde pequenos e vivimos no mesmo pobo pois serviunos para xuntarnos case todas as semanas. Dicímolo moitas veces, valeunos para coller un hábito que non debemos perder porque sempre andivemos xuntos e queiras que no co tempo valo perdendo”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.065476894378662