Cántigas e Frores celebra o seu tradicional magosto cun obradoiro de baile, concerto e foliada aberta

LugoXa
A cita terá lugar o sábado 15 de novembro no local da asociación e incluirá cea, música das escolas, actuación de Axeigo e unha foliada libre
magosto
5 Nov 2025

A Asociación Cultural Cántigas e Frores de Lugo prepara unha nova edición do seu magosto, que se celebrará o sábado 15 de novembro no seu local do Parque da Milagrosa.

A partir das 20.00 horas, o colectivo ofrecerá unha xornada festiva que combinará baile tradicional, música e gastronomía, mantendo unha das citas máis sinaladas do seu calendario anual.

O programa comezará cun obradoiro de baile foliado, impartido por Nerea Fouz López, ás 20.00 horas, no que os asistentes poderán aprender pasos para desfrutar da foliada posterior.

Ademais, como cada ano, ás 21.00 horas, haberá actuacións das escolas da asociación, ás que se suma nesta ocasión o concerto do grupo Axeigo, ás 23.00 horas, que aportará ritmos tradicionais para continuar a festa.

O magosto incluirá tamén unha cea, cuxo prezo será de 5 euros para persoas socias e 7 euros para non socias, sendo gratuíta para menores de 14 anos. A primeira consumición estará incluída.

A inscrición para participar na cea poderá realizarse ata o 10 de novembro a través do profesorado e da directiva da entidade, ou mediante WhatsApp e redes sociais, aínda que non é obrigatoria para asistir ao evento.

A xornada rematará cunha foliada aberta, na que a organización convida ao público a levar instrumentos e participar activamente para manter viva a tradición festiva e cultural galega.

⚙ Configurar cookies
0.04697585105896