Cántigas e Frores prepara a Feira do 48: “Queremos compartir arredor da música, o baile e a gastronomía"

LugoXa
O 7 e 8 de setembro a praza Maior de Lugo converterase no epicentro do mundo da cultura tradicional galega grazas a unha nova edición da cita que naceu para conmemorar o 70 aniversario do colectivo
feira-do-48-cantigas
Feira do 48
25 Ago 2024

Lucía Blanco

Música, baile, tradición, artesanía e gastronomía. Estes son os eixes de cada unha das edicións da Feira do 48, unha cita que naceu no 2018 da man da Asociación Cultural Cántigas e Frores para conmemorar o seu 70 aniversario e que este ano chega a súa sexta edición na que colaboran a Deputación de Lugo e o Concello. “Foi como organizar unha festa para celebrar o noso aniversario. Sempre a facemos nas primeiras semanas de setembro porque coincide coa data da fundación da asociación no 1948 e é o que lle dá nome á feira”, conta Bruno Villamor, o director artístico.

O 7 e 8 de setembro a praza Maior de Lugo converterase no epicentro do mundo da cultura tradicional galega. Músicos, artesáns, bailadores e mestres de prestixio compartirán de novo espazo para poñer en valor a riqueza e grandeza do noso patrimonio material e inmaterial. “Xira todo en torno ao mundo tradicional, que é ao que nos dedicamos todo o ano. Montamos stands de artesáns de instrumentos e traxes tradicionais, tamén teremos unha caseta de polbo e actuacións musicais os dous días”.

Entre os grupos convidados, ademais das distintas formacións oficiais do colectivo como o grupo de cantareiros ou a banda de gaitas, están os Carunchos, Bailai Malditos e as pandereitas Lina e Lola. Emilio Españadero, director e presentador desde 1992 do programa radiofónico especializado na música folk Lume Na Palleira, será o encargado de dar o pregón este ano. Un papel que desempeñaron anteriormente o historiador e expresidente da asociación, Adolfo de Abel Vilela;  o investigador da cultura tradicional galega Isidoro Rodríguez e os xornalistas Xulio Xiz e Paco Nieto, entre outros.

Con este ambiente das feiras de antano a través do que se rememora como era a vida na cidade no século pasado e co que se homenaxea aos seus habitantes esperan reunir a un bo número de lucenses e visitantes. “Oxalá que teñamos moitísimo público ao longo dos dous días. Houbo edicións nas que houbo máis ou menos xente, pero tamén nos pillou a pandemia polo medio, coma quen di estabamos arrancando o proxecto”. E de novo intentarán transcender as xeracións porque un dos seus obxectivos é achegar a tradición aos máis cativos, incentivar a súa participación en actividades culturais e animalos a formar parte do tecido asociativo que mantén viva a nosa cultura.

“Nós o que queremos é que se acheguen todos os amantes da música tradicional e tamén os que non o son para compartir unhas xornadas bonitas arredor da música e do baile tradicional nas que tamén temos gastronomía”, di. De feito, os máis pequenos teñen o seu protagonismo no programa a través dun obradoiro de baile tradicional. A planificación dunha iniciativa destas características non resulta doada e menos para un colectivo coma o seu que mantén unha intensa actividade ao longo do ano, pero paga a pena. “Todo leva tempo pero con ilusión e ganas de traballar lévase ben. A parte máis complicada sempre é o tema da financiación, conseguir os cartos”.

Cántigas e Frores naceu tras a unión de Frores e Silveiras e Cantigas e Aturuxos, agrupacións que proviñan da excisión do Orfeón Galego dirixida polo mestre Xoán Montes, e dende ese momento está vencellada á dinamización da vida cultural lucense. A Feira do 48 volverá ser unha boa mostra do traballo deste colectivo que, a través dos seus cursos, da súa escola, das súas actuacións dentro e fóra da península e de iniciativas coma a do Festival de Cultura Tradicional San Froilán ou Cántigas na rúa, seguen loitando e defendendo os nosos costumes e o noso legado cultural.

0.16217708587646