Cantos de Nadal encherán as rúas lucenses de panxoliñas ata o 7 de xaneiro

LugoXa
Cantos de Nadal ofrecerá 20 conciertos de corales por Navidad. Los villancicos se escucharán por las calles de Lugo hasta el 7 de enero.
cantar delas cantos nadal
21 Dec 2021

Cantos de Nadal deu comezo na tarde de onte. En total haberá vinte concertos de corais que se realizarán en distintos emprazamentos ao aire libre ata o vindeiro 7 de xaneiro. Nesta primeira xornada, foron tres as corais que percorreron as rúas e prazas céntricas de Lugo coas súas voces e con repertorios adaptados a estas datas, que inclúe cantos tradicionais propios ademais de pezas doutras culturas.

Esta iniciativa dinamiza as rúas da cidade e contribúe ao funcionamento destas agrupacións que manteñen viva a actividade musical e cultural.

As encargadas de comezar o programa foron Cantar Delas, o único grupo coral de voces brancas da provincia de Lugo que agrupa 18 voces femininas dirixidas por Fernando Gómez Jácome.
Interpretaron na rúa da Raíña, Quiroga Ballesteros e Praza Maior un conxunto de panxoliñas de distinta procedencia: galega, vasca, francesa, catalana, arxentina ou venezolana.

A continuación, o Coro do Hospital de Lugo, que este ano cumpre 30 anos desde a súa formación, achegou ao público un repertorio con pezas recoñecibles como “Adeste fideles”, “Suite comercial navideña” ou “Vinde galeguiños”.

Para finalizar a primeira xornada de Cantos de Nadal, a Schola Gregoriana Lucensis, dirixida polo musicólogo Nemesio Gutiérrez e formada por 14 coralistas, fixeron gala de pezas como “Verbum Caro”, “Canticorum Jubilo” ou “Campana sobre Campana”, nun percorrido entre a rúa San Pedro e Quiroga Ballesteros.

Ao longo das vindeiras xornadas, sucederanse as actuacións, coa participación doutras agrupacións coralistas. Ademais das citadas, súmanse a esta programación Asociación Músico Vocal Xeada, Conxunto Vocal Lugh, Orfeón Xoan Montes, Orfeón Lucense, Coral Polifónica Xolda, Ecos do Miño e o Coro de Amigos do Camiño de Santiago.

0.19872498512268