Capturan máis de 7.000 raíñas de vespa velutina en Lugo
O Concello de Lugo, a través da concellería de Cohesión Territorial, que dirixe Ana Abelleira, propiciou a captura de máis de 7.000 raíñas de vespa velutina a través dunha campaña de trampeo profesional que comezou na primavera. Repartiron un total de 2.500 trampas, das cales 2.000 se distribuíron entre os pedáneos das 54 parroquias do municipio, e as restantes 500 foron colocadas polo Servizo de Protección Civil en diferentes espazos da trama urbana da cidade.
Neste senso, Abelleira explicou que “concentramos os esforzos na contorna rural onde se aglutinan a maior parte dos enxames, xa que existen determinadas especies como as camelias ou as árbores froiteiras que resultan un reclamo para a especie e, por tanto, os cebos son máis eficaces”.
A concelleira agradeceu “a implicación veciñal e a colaboración dos pedáneos e pedáneas para garantir a seguridade da poboación contribuíndo, na medida das posibilidades, ao control desta praga cuxa competencia – de carácter autonómico – se está a desenvolver de xeito deficiente por parte da Xunta de Galicia ante as continuas demandas de atención que traslada á cidadanía”, apuntou a edil.
Así mesmo, Abelleira apuntou que “o esforzo por parte do Concello, conxuntamente coa veciñanza a través desta campaña, permitiu incrementar o número de niños eliminados e de raíñas capturadas, aumentando con respecto ao ano pasado, grazas ás 6.000 unidades retiradas no rural e outras 1.000, aproximadamente na cidade entre os meses de abril e xuño”.
As trampas adquiridas polo Executivo local están certificadas e contan con varios orificios de entrada cubertas cun túnel de concentración de cheiros que evita o escape dos insectos atrapados. Ademais, dispoñen dun sistema para o baleirado e outro de ancoraxe para colocalas en altura. Así mesmo, o líquido atraínte para vespa velutina que serve como cebo contén unicamente estratos de plantas e está formulado para non atraer ás abellas, cumprindo así os máis altos estándares medioambientais.
As vespas capturadas morren nas trampas e son recollidas e almacenadas en recipientes herméticos que son transportados polo Servizo municipal de Protección Civil para a súa posterior xestión ambiental cumprindo de forma estrita a normativa. “Na loita contra esta especie invasora é fundamental acoutar o número de raíñas, pois se estima que aparecen uns 6.000 exemplares por niño, cifra que crece de forma exponencial a medida que medra a comunidade sen non se actúa cedo”, indicou a concelleira.
Abelleira subliñou que “este insecto afecta principalmente á producción apícola e tamén ten repercusións sobre a biodiversidade e a seguridade cidadá, por iso, resulta fundamental redobrar esforzos para a súa contención e seguimento”.
As trampas adquiridas e os 8.000 sobres unidosis de liquido de reclamo supuxeron un investimento municipal que supera os 17.000 euros.