Cáritas Diocesana de Lugo inaugura a súa nova sede na rúa Lois Peña Novo

LugoXa
Melloran así tanto en espazos como en capacidade de servizos, co obxectivo de continuar un labor que leva facendo sesenta anos, e que permite prestar axuda e apoio ás persoas en situacións de exclusión social
Acto de inauguración da nova sede de Cáritas en Lugo (2)
15 May 2024

Cáritas Diocesana de Lugo inaugura a súa nova sede na rúa Lois Peña Novo. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, participou xunto á directora da entidade, Amparo González; o obispo de Lugo, Alfonso Carrasco, e demais autoridades, na inauguración. A estrea deste novo espazo representa un momento importante no que se cumpren sesenta anos de dedicación ao servizo dos máis vulnerables, cuestión que Isabel Rodríguez agradeceu a Cáritas, “pois a partir de hoxe continuarán cun compromiso renovado en favor das persoas e familias lucenses que máis o precisan”.

O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, tamén percorreu as novas instalacións, que foron bendicidas polo Bispo de Lugo. Miguel Fernández destacou que a sede, cunha superficie de máis de 500 metros cadrados, “permitirá á entidade social prestar un mellor servizo para desenvolver os programas destinados a favor das persoas máis vulnerables da provincia”. Nas dependencias, que ocupan a parte traseira do palacio de Velarde, traballan xa 18 empregados da organización, que atendeu o pasado ano a máis de 7.500 persoas.

Os concelleiros de Dinamización Económica e de Benestar Social, Mauricio Repetto e Olga Racamonde, respectivamente, visitaron novas instalacións que prestarán ata 21 servizos, entre outros os do centro de día, acompañamento, atención a mulleres, inmigrantes, persoas con discapacidade ou maiores. Ambos edís comprobaron na súa visita, xunto ao resto da comitiva, o paso adiante que supón esta nova sede, na céntrica rúa Luis Peña Novo, tanto en espazos como en capacidade de servizos, co obxectivo de continuar un labor que Cáritas leva facendo sesenta anos, e que permite prestar axuda e apoio ás persoas en situacións de exclusión social.

Inclusión social

Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou o labor que fai Cáritas en prol da inclusión social e na loita contra a pobreza na provincia de Lugo. Destacou á institución como un dos grandes axentes sociais de Galicia: “Unha sede digna para facer un traballo moi digno: acompañar, acoller ao que máis o necesita. Preguntándolle á xente simplemente que necesitan e como se lles pode axudar”, sinalou.

No último ano, desde a Consellería de Política Social e Igualdade incrementouse un 30 % as axudas directas concedidas a Cáritas Lugo, superando así o millón e medio de euros. Neste sentido, Alfonso Rueda remarcou o compromiso da Executivo Galego con esta entidade: “Sei que nunca vai ser dabondo, pero sei tamén que todo o que aportemos vaise multiplicar co que más vale: a dedicación, as ganas de axudar e a conciencia de que se está facendo entre todos unha sociedade mellor”, resaltou.

Ademais, o presidente da Xunta de Galicia manifestou o compromiso da Administración autonómica para colaborar con todas as entidades na loita contra a pobreza e a exclusión social. Actualmente, o investimento anual neste ámbito supera os 150 millóns de euros.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18720483779907