Cáritas recibe o apoio da Xunta para habilitar novas sedes en Rábade e Becerreá

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe na inauguración da nova sede de Cáritas en Rábade, que dará servizo a este concello e ao de Outeiro de Rei.
A Consellería de Política Social e Igualdade colaborou economicamente coa organización para habilitar esta oficina e a que abriron a semana pasada en Becerreá, a través das axudas concedidas a entidades sociais con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF).
Arias destacou a importancia do traballo de proximidade que realiza o tecido asociativo para achegar os servizos a todo o territorio e contribuír a que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades de benestar e participación social.
No caso de Cáritas Diocesana de Lugo, as axudas concedidas pola Xunta na convocatoria do 0,7% do IRPF de 2024 suman un millón de euros, destinados a apoiar preto dunha vintena de programas de cooperación que desenvolve a entidade na provincia.
Estas accións están enfocadas á protección da infancia e das familias; atención a persoas maiores en situación vulnerable; atención á discapacidade; inclusión social e laboral; promoción da igualdade entre homes e mulleres, ou á prevención da violencia de xénero.
O delegado destacou que o obxectivo da Xunta con estas achegas é “continuar apoiando ao tecido asociativo e traballando da súa man para que as persoas máis vulnerables conten cos recursos que necesitan para desenvolver a súa vida”.