Carlos Dafonte presenta en Lugo o seu novo libro sobre a historia contemporánea de Galicia

LugoXa
O acto contará coa introdución de José Manuel López Casanova, que será o encargado de presentar ao autor ante o público
Carlos-Dafonte
25 Jun 2025

O xoves 26 de xuño, ás 20.00 horas, terá lugar na Despensa do Saa a presentación do libro Algúns feitos acontecidos en Galicia entre 1868 e 1977, da autoría de Carlos Dafonte Díez. O acto contará coa introdución de José Manuel López Casanova, que será o encargado de presentar ao autor ante o público.

Carlos Dafonte é licenciado en Ciencias Políticas pola Universidad Complutense de Madrid e desenvolveu boa parte da súa traxectoria profesional como docente de Historia. A súa implicación política remóntase a abril de 1969, cando se integrou no Partido Comunista de España (PCE), participando posteriormente, en 1972, na creación das xuntas democráticas.

Nos derradeiros anos da ditadura franquista foi procesado, aínda que finalmente non chegou a ser xulgado. Xa en democracia, formou parte dos comités central e executivo do Partido Comunista de Galicia (PCG). Entre 1978 e 1983 foi concelleiro do PCG en Lugo, e posteriormente, entre 1991 e 1999, exerceu como edil de Esquerda Unida-Izquierda Unida (EU-IU). En 1999 asumiu a secretaría xeral do PCG e, un ano despois, foi designado coordinador en Galicia de EU-IU.

Ademais da súa actividade política, Carlos Dafonte destacou tamén como dinamizador cultural, sendo un dos fundadores da primeira galería de arte da cidade de Lugo, Arco da Vella.

Agora regresa á escena pública cunha obra que repasa episodios significativos da historia galega entre os séculos XIX e XX, ofrecendo unha perspectiva comprometida e documentada sobre o pasado recente do país.

⚙ Configurar cookies
0.16956281661987