Carlos López pecha unha campaña de propostas concretas "para un futuro mellor para A Fonsagrada"
O alcalde da Fonsagrada, Carlos López, vén de rematar unha campaña na que apostou por manter unha comunicación directa cos veciños para facerlles chegar o seu programa electoral co que quere "seguir traballando por mellorar o futuro da Fonsagrada con ilusión, honestidade e responsabilidade".
Unha das propostas nas que máis insiste Carlos López no seu programa é en seguir a reclamar á Xunta a concentración parcelaria que levan solicitando nos últimos anos, "para que o noso sector primario teña a oportunidade de mellorar".
Considera fundamental o alcalde, actual candidato, o polígono industrial "que será un revulsivo definitivo para A Fonsagrada". López lembrou que veñen de firmar un convenio coa Deputación por dous millóns de euros para a creación do polígono industrial.
Entre outros logros da lexislatura que finaliza subliña a mellora das infraestruturas do Concello apostando pola accesibilidade, a humanización, as zonas verdes e os espazos de convivencia. Tamén apostou polas política sociais para a posta en machar do Residencial Rois e o reforzo do SAF.
Reforzouse tamén o tecido asociativo con iniciativas deportivas como a Ruta dos lobos, o Trail Terras de Burón, e outras máis turísticas, como a Feira do Butelo.
PROGRAMA
Carlos López aposta polas infraestruturas e unha das primeiras iniciativas será a posta en marcha do polígono industrial. Ademais ten previsto comezar coa instalación dunha nova rede de abastecemento de auga para A Fonsagrada e mellorar a traída de auga para os núcleos rurais.
Tamén destaca a rehabilitación das vellas escolas e a construción dunha senda verde. Tamén se habilitará un espazo de xogos e se fará un edificio polivalente para albergar os grandes eventos da vila.
No relativo a servizos sociais, o candidato socialista quere seguir na liña de munipalizar o SAF e fomentar o ocio dos maiores.
Tamén no campo do deporte presenta unhas iniciativas claras como a posta en marcha das pistas de pádel, cubrir unha delas e organizar torneos. Manteranse as clases de ximnasia e doutras actividades para adultos e seguirá a colaboración con clubs deportivos. Engade tamén López que haberá clases gratuítas de multideporte.
En materia de educación é manter as subvencións ao transporte escolar e a da anpa sen esquecer a formación de adultos.
Os servizos sanitarios e as carencias actuais é unha das preocupacións do candidato, que pedirá á Xunta o servizo continuado de pediatría, a consulta da matrona e o servizo de rehabilitación.
ECONOMÍA
Para o candidato socialista é importante favorecer a implatación das industrias e empresas no polígono industrial polo que adiantou que farán un esforzo fiscal para que sexan atractivas do mesmo xeito que solicitarán escolas taller para o concello.
Seguirán promocionando a agricultura coas feiras gandeiras e os produtos de proximidade e dotarán á vila dun servio de información para o sector.
En materia de turismo o proxecto de Carlos López aposta pola rehabilitación do centro cultural Forges, a creación dunha área de autocaravanas, a instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos. Non faltará o apoio e o impulso de todas as iniciativas culturales y deportivas ademais das grandes citas gastronómicas.