Carme Pedrouzo recibe unha mención especial nos VII Premios Stephen Hawking

Un proxecto STEM desenvolvido por Carme Pedrouzo Martos, alumna do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, foi recoñecido cunha mención especial nos VII Premios Stephen Hawking, celebrados recentemente no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
O traballo, titulado 'Catálogo de identificación e observación de aves de Lugo', foi coordinado por Paula Fernández Moure, bióloga ambiental do proxecto #LugoNaturalMente da UNED de Lugo e experta en conservación da biodiversidade e ornitoloxía. A proposta destacou entre os 54 proxectos presentados pola súa calidade, enfoque interdisciplinar e alto valor divulgativo.
O catálogo combina ciencia e arte mediante ilustracións científicas elaboradas pola propia autora, co obxectivo de dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da contorna de Lugo e fomentar tanto a súa observación como a súa conservación.
Na mesma edición, tamén foi recoñecido Yago López Núñez, estudante do mesmo instituto, polo seu proxecto 'Influencia da arquitectura orgánica no contexto da cidade de Lugo'.
A participación da UNED de Lugo neste certame, enmarcado no Programa STEMbach da Xunta de Galicia, reflicte o seu compromiso coa promoción das vocacións científicas entre a mocidade e coa colaboración activa coa comunidade educativa, poñendo en valor o talento das novas xeracións galegas.