Carmela López coñece o traballo do Espazo Permacultural do Lugar de Reque xunto ao río Rato

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, visitou o Espazo Permacultural do Lugar de Reque, situado xunto ao río Rato na cidade de Lugo. A visita enmárcase na rolda de encontros que a mandataria provincial mantivo nas últimas semanas cos diferentes servizos da institución, co obxectivo de coñecer de primeira man o seu funcionamento, os proxectos que desenvolven e as súas principais necesidades.
Durante o percorrido polas instalacións, López puxo en valor o traballo que se realiza neste espazo, destinado á revitalización dun lugar público situado nunha contorna natural da capital lucense. A iniciativa busca promover un uso sostible e participativo do entorno, combinando actividades formativas e accións de sensibilización ambiental.
A actividade que se desenvolve no Lugar de Reque céntrase na permacultura e inclúe propostas educativas e lúdicas vinculadas á sustentabilidade, ao coidado e manexo da terra, á bioconstrución, á economía social ou á cestería, entre outras. Ademais, o proxecto promove valores ligados ao ben común, á autosuficiencia e á responsabilidade ambiental.
Con esta visita, a presidenta provincial completou o percorrido por todos os servizos da Deputación de Lugo, unha iniciativa que lle permitiu coñecer directamente o labor e as iniciativas que a institución impulsa en cada unha das súas áreas.