Carmela López convértese na nova presidenta da Deputación de Lugo

A alcaldesa de Burela, a socialista Carmela López, foi elixida este mércores nova presidenta da Deputación de Lugo tras obter o apoio dos deputados do PSOE, do BNG e do integrante do grupo mixto, o expresidente José Tomé. A súa elección supón a continuidade do acordo de goberno progresista que viña funcionando na institución provincial nos últimos anos.
O pleno arrancou coa apertura da sesión a cargo do presidente en funcións, Efrén Castro, e coa lectura do procedemento de elección. O Partido Popular presentou como candidato ao seu portavoz, Antonio Ameijide, mentres que o PSOE formalizou a candidatura de Carmela López, tal e como xa anunciara a comezos de ano. O BNG optou por non presentar candidato propio e confirmou o seu apoio á proposta socialista, ao tempo que José Tomé se sumou tamén a esta opción.
A votación desenvolveuse sen sorpresas e concluíu coa elección de Carmela López ao acadar os 13 votos necesarios para acceder á Presidencia. A proclamación foi recibida cun longo aplauso tanto no salón de plenos como no espazo anexo, onde numerosos cargos públicos, familiares e persoas achegadas seguiron a sesión.
Tras a proclamación, a nova presidenta xurou o cargo, recibiu o bastón de mando e asinou no libro de honra da Deputación, cumprindo co protocolo institucional. Con esta elección, PSOE e BNG revalidan o pacto de goberno que quedara interrompido a comezos de decembro, cando José Tomé presentou a súa dimisión como presidente tras coñecerse unha denuncia por presunto acoso sexual.

No seu primeiro discurso como presidenta, Carmela López asegurou asumir a responsabilidade “desde a igualdade” e puxo en valor o camiño percorrido para avanzar na presenza das mulleres na política. Destacou a súa experiencia como alcaldesa, que definiu como “o cargo máis fermoso da política”, e comprometeuse a gobernar con diálogo, proximidade e firmeza, defendendo que o seu compromiso agora é co conxunto da provincia de Lugo.
López salientou tamén o traballo realizado polo anterior goberno bipartito, ao que cualificou de estable e útil, e agradeceu a confianza depositada nela polo seu partido ao longo da súa traxectoria política. Á oposición tendeulle a man para acadar acordos que beneficien á cidadanía, insistindo en que por riba das diferenzas debe prevalecer o interese xeral da provincia.
O pleno contou coa presenza de destacados dirixentes políticos, entre eles o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, así como numerosos alcaldes, concelleiros e representantes institucionais.
Desde o Partido Popular, Antonio Ameijide volveu cualificar o acordo entre PSOE e BNG como un “pacto da vergoña” e criticou duramente a continuidade do goberno progresista. Pola súa banda, tanto socialistas como nacionalistas defenderon a necesidade de garantir estabilidade institucional e acusaron ao PP de intentar sacar rédito político dunha situación delicada.
José Tomé, xa como deputado non adscrito, evitou facer valoracións extensas e limitouse a sinalar que a xornada debía centrarse na nova presidenta, reiterando a súa intención de facilitar o labor do goberno provincial.