Carmen V. Valiña abordará no Vello Cárcere a relación entre xénero e saúde mental nunha conferencia

O vindeiro venres 30 de outubro, ás 19:00 horas, o Vello Cárcere de Lugo acollerá a conferencia “Mulleres e loucura”, impartida por Carmen V. Valiña, doutora en Historia Contemporánea e autora da obra As tolas que non o eran. A charla está organizada pola Casa da Muller e o Servizo de Igualdade do Concello de Lugo dentro do ciclo “Mulleres con forza”.
Durante o encontro, Valiña afondará no papel da psiquiatría como instrumento de control social das mulleres consideradas “incómodas” nos séculos XIX e XX, analizando casos reais do Manicomio de Conxo. A investigadora ofrecerá un achegamento histórico aos vínculos entre xénero, loucura e poder, poñendo en evidencia como o discurso médico e institucional foi utilizado para silenciar e someter ás mulleres ao longo da historia.
Esta actividade forma parte da programación municipal centrada na igualdade e na memoria das mulleres, e busca promover a reflexión crítica sobre o tratamento histórico da saúde mental feminina e o seu impacto social.