Case 400 solicitudes para as cacharelas de San Xoán en Lugo
O Concello de Lugo pechou o prazo de solicitude para a organización das cacharelas de San Xoán, nun período no que se presentaron 383 permisos para poder celebrar as queimas polo Lume Novo. Trátase dunha tradición con moito arraigo na cidade, que poderá realizarse na noite do domingo por terceiro ano consecutivo despois das medidas preventivas que as cancelaron ao longo da pandemia.
A alcaldesa, Paula Alvarellos, ditou un bando no que se recollen os requisitos aos que deberán axustarse toda as fogueiras que se organicen na noite deste domingo para celebrar o Lume Novo. A rexedora animou a toda a veciñanza “a participar dunha tradición moi nosa e que regresou con forza nos últimos anos” ao tempo que lembrou a importancia de “cumprir coa normativa para garantir a seguridade de todas as persoas participantes e un correcto desenvolvemento da celebración”.
Tal e como se especificou días atrás no bando, entre as normas incluídas no documento contémplase a prohibición da queima de rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como de materiais ou produtos contaminantes, fedorentos ou tóxicos. Ademais, en cumprimento de todas as medidas de seguridade preventivas, tampouco estará permitido o lanzamento de foguetes.
O bando especifica igualmente que os lumes non poderán estar próximos a localizacións nas que existan liñas eléctricas, inmobles, zonas verdes ou xardíns e tampouco estará permitida a súa realización no centro histórico nin en lugares nos que poidan crearse situacións de perigo. Ademais, as persoas organizadoras deberán retirar do lugar da fogueira todos os restos das queimas, unha vez rematadas, e en caso de incumprimento ou de queixas da veciñanza, o Servizo de Extinción de Incendios, a petición da Policía Local, procederá a apagar o lume de inmediato.