Case 600 libros foron doados á Aula Pediátrica do Hula durante a I Feira do Libro de Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
As organizadoras do CEIP Laverde Ruiz e o Concello de Outeiro de Rei recoñeceron o "auténtico éxito" deste evento e xa pensan no do ano que vén
Punto-de-Doazón-de-Libros Feira do Libro Outeiro de Rei
24 Apr 2025

A I Feira do Libro de Outeiro de Rei organizada desde o Departamento de Biblioteca do CEIP Laverde Ruiz e coa colaboración de toda a comunidade educativa e o Concello de Outeiro de Rei foi todo un éxito.

Desde ás 10.00 horas, cando comezou a xornada coa inauguración a cargo do alcalde, José Pardo, e coa lectura dun poema de Toño Núñez, os nenos e nenas do colexio puideron desfrutar da experiencia de achegarse a autores recoñecidos de libros infantís e desfrutaron dun gran contacontos da man de Ana Meilán.

Durante toda a xornada, ademais dos autores dos libros, estiveron presentes tres librarías, unha de Rábade, outra de Castro Riberas de Lea e outra de Lugo, fomentando así a participación de diferentes entidades de concellos limítrofes; así como tamén estivo presente o Centro Ocupacional de Vilalba coas súas rosas feitas de papel, que se agasallaban con cada compra dun libro. "Esgotáronse á metade da tarde, o que nos fixo ver que se venderan xa 300 libros", explicaba unha das promotoras do evento.

Unha das propostas máis interesantes da xornada foi a materialización dun punto de doazón de libros dirixido a recoller libros que nenos ou maiores tiveran en casa e que xa non quixeran para poder doalos á Aula Pediátrica do HULA. Esta iniciativa tivo tanto éxito que as profesoras organizadores non o crían: "Cando vimos a cantidade de libros que había dentro, non o podiamos crer. Case 600 libros doados para os nenos e nenas do HULA. A xente foi moi xenerosa", sostiveron.

Con todo, tamén destacou na I Feira do Libro a participación das escritoras Rocío López e Sabela Núñez, o artista Anxo Moure, o mago David Méndez, o guía turístico Guido Álvarez, a presidenta de Aspace e escritora Fernanda Arroxo, a escritora Marisol Bravos; o bicampeón de oratoria do Parlamento Xove, Daniel Vázquez, o escritor Jordi Cicely e a ilustradora e debuxanta Milena, que deleitou aos máis pequenos coas súas creacións no papel. Ademais, a I Feira do Libro de Outeiro de Rei rematou coa actuación da Escola de Música de Outeiro de Rei, que puxo o broche de ouro para unha xornada inesquecible.

Desde o Concello de Outeiro de Rei, que organizaron tamén un sorteo entre as persoas presentes, recoñeceron o éxito deste evento e aseguran que "xa estamos pensando na feira do ano que vén, xa que co éxito deste ano, temos que seguir facéndoa; á xente encantoulle".

⚙ Configurar cookies
0.16968178749084