Case 800 participantes recollen máis de 7 toneladas de lixo na XVIII Limpeza Simultánea de Ríos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Desenvolveuse ao longo de 52 concellos de toda Galicia coordinada pola organización ecoloxista Adega
limpeza-simultanea-de-rios
23 Sep 2025

Un ano máis, a asociación ecoloxista Adega, a través do seu Proxecto Ríos, consegue mobilizar centos de persoas para mollarse polos ríos ao longo de toda a xeografía galega. A XVIII Limpeza Simultánea de Ríos, que tivo lugar o domingo, 21 de setembro, reuniu grandes e pequenos grupos, rapazada nova e persoas máis maiores, que se xuntaron nunha das xornadas de voluntariado ambiental de referencia no país, cun mesmo obxectivo: coidar dos nosos ríos e concienciar a sociedade da necesidade de facer unha xestión sostible do lixo para que a nosa natureza estea ben conservada.

A XVIII Limpeza Simultánea de Ríos desenvolveuse ao longo de 52 concellos de toda Galicia coordinada pola organización ecoloxista Adega e organizada por unha rede de entidades, asociacións, fundacións, centros de ensino, etc., que se uniron á limpeza e reuniron voluntariado de cada lugar de Galiza para limpar os ríos do seu ámbito xeográfico. Foron, en total, máis de 70 as entidades involucradas nesta limpeza simultánea, que mobilizou case 800 persoas e na que se recolleron máis de 7 toneladas de lixo, segundo os primeiros datos analizados. Moitas destas entidades son asiduas nesta convocatoria anual, pero outras moitas apadriñaron ríos por primeira vez neste 2025, o que evidencia o éxito destas actividades de voluntariado ambiental, a medrar ano tras ano.

Ao longo das 18 edicións da Limpeza Simultánea de Ríos, Adega e Proxecto Ríos puideron observar unha pequena diminución de lixo nos treitos dos ríos nos que se actuou, pero as cantidades recollidas seguen sendo preocupantes. O voluntariado atopou refugallos moi variados e, coma sempre, abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos... Tamén apareceron rodas, cristais e latas, pilas, restos de madeira e mobles, ferralla, sinais de tráfico, pezas das torres de alta tensión, uralitas, roupa, calzado, carros da compra e etc. As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron aparecer en abundancia, xunto coas compresas e tampóns.

A organización ecoloxista Adega fai un chamamento a reflexionar como sociedade sobre o uso destes materiais e, sobre todo, sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles. Tiralos polo retrete só fará que rematen nos nosos ríos e contaminan os leitos e ribeiras. No reconto final, Adega calcula que os residuos recollidos nos 52 concellos de actuación suman máis de 7 toneladas de lixo, pero aínda son moitos os datos que faltan por recadar.

Con todo, a organización lembra que o principal obxectivo dunha xornada coma esta é axudar a concienciar a sociedade sobre a importancia dunha boa xestión dos nosos residuos. Ademais, Adega insiste en que voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, e demanda que a situación en que se atopan os ríos mude. Proximamente, Adega publicará na web de Móllate polos Ríos un informe coas conclusións finais desta actividade.

Colaboracións

Por último, Adega expresa o seu fondo agradecemento a todo o voluntariado galego polo seu compromiso cos nosos ríos. As máis de 800 persoas mobilizadas demostran que a sociedade galega se molla polos ríos.

Para esta actividade, o Proxecto Ríos contou coa colaboración dos concellos de Allariz, Ames, Ares, As Pontes, Cangas, Fene, Meis, Melide, Moaña, Muras, Narón, Nigrán, Ourense, Pontevedra, Rianxo, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Tomiño e Vilasantar. A XVIII Limpeza Simultánea de Ríos é unha actuación financiada pola Deputación da Coruña e Confederación Hidrográfica Miño Sil.

⚙ Configurar cookies
0.10383296012878