Case 900 nenos de Lugo participan no programa de conciliación de Aulas Abertas
Preto de 900 crianzas participaron no mes de xullo no programa de conciliación de Aulas Abertas rurais e urbanas, que o Goberno local está a levar a cabo, co obxectivo de acadar solucións reais e efectivas á conciliación laboral e familiar durante os meses de verán. Así o explican as edís de Cohesión Territorial e Benestar Social, Ana González Abelleira e Olga López Racamonde, encargadas do desenvolvemento deste programa na zona rural e na cidade, respectivamente.
Tendo en conta os datos do pasado mes de xullo, a participación está sendo boa, tanto nos cinco centros de convivencia de Lugo, aos que asistiron uns 460 nenos e nenas, coma nas Aulas Abertas no rural, realizadas en oito centros cívicos doutras tantas parroquias, coa asistencia duns 430 cativos e cativas, con idades comprendidas entre os 4 e os 10 anos. As actividades do programa de Aulas Abertas urbanas lévanse a cabo de luns a venres, de 8.30 a 14.30, nos centros de convivencia de Fingoi, Lamas de Prado, Maruja Mallo, Milagrosa e Paco Martín.
De todos eles o que rexistrou unha maior afluencia foi o da Milagrosa, con 70 participantes en cada quincena de xullo, trala correspondente ampliación de prazas ante a alta demanda. Mentres, nas antigas escolas unitarias de Bosende, Calde, O Burgo, Saa, Santa Comba, Pías, Piñeiro e San Xoán do Campo, uns 110 nenos e nenas á semana asistiron a este programa de conciliación, co que neste caso se busca ademais favorecer o arraigo das crianzas coa súa contorna e coas zonas rurais.
Neste sentido, a concelleira de Cohesión Territorial, Ana Abelleira, explicou que no desenvolvemento das Aulas Abertas no rural “cobra especial importancia a socialización dos seus participantes e a aposta por revitalizar o uso comunitario das antigas escolas unitarias municipais, que tamén en verán concentran desta forma unha gran actividade”. Pola súa banda, Olga López, edil de Benestar Social, destacou a importancia deste tipo de iniciativas “que en concellos como o de Lugo contribúen moito á conciliación laboral e familiar, un dos principais obxectivos do Goberno local. De feito, estas Aulas Abertas continúan a liña doutros programas que desenvolve ao longo do ano a concellería de Muller, como é o Aprende Xogando”.