Castrexos e romanos asinan a paz como colofón ao Arde Lucus
Tarde tranquila no asentamento castrexo de Lugh. Ou iso semellaba. Sixilosamente, os habitantes do castro, escondíanse entre a vexetación do parque de Rosalía a sabendas de que, aos poucos minutos, os romanos poderían chegar.
Apenas catro días de convivencia foron suficientes para descubrir as diferenzas entre dous pobos que, por momentos, semellaban irreconciliables.
Tras varias escaramuzas entre tribos e lexións, corpo a corpo, no que se perderon vidas dos dous bandos. O druida castrexo e o xefe da tribo reuníronse con Paulo Fabio Máximo e o César, para intentar chegar a un acordo de convivencia. Así, tras uns minutos de discusión, romanos e castrexos, asinaron a paz.
Unha sinatura que lle deu o visto e prace a Paulo Fabio Máximo para fundar a cidade de Lucus Augusti, nome que honra ao deus Lugh e ao emperador Cesar Augusto.
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo no acto final das lexións romanas e tribos castrexas do Arde Lucus 2022. O mandatario provincial acudiu a este acto xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, entre outras autoridades.
“Hoxe remata un Arde Lucus que superou todas as expectativas, que xa eran moi positivas”, manifestou, incidindo no alto volume de afluencia, bo ambiente e elevados niveis de actividade na hostalería”, detallou o mandatario provincial. Subliñou, así mesmo, que resultou moi positivo poder volver a sentir o espírito do Arde Lucus, ser partícipe do sentimento co que vive a xente esta cita, e poder ver como, unha vez máis, Lugo pon en valor a nosa historia e a nosa cultura”, sinalou Tomé Roca.
A Deputación de Lugo aporta preto de 40.000€ para colaborar coa organización do Arde Lucus, a través dun convenio de colaboración co Concello lucense para a celebración do Circo Romano e a través dunha achega a unha das asociacións máis veteranas, a Cohors III Lucensium, para a construción dun campamento singular e orixinal.
Subliñou o Presidente que o apoio da institución provincial á festa responde “ao noso firme compromiso coa difusión e a posta en valor da nosa cultura, a historia e o patrimonio, tanto material como inmaterial, e aproveitar toda esa riqueza para impulsar a economía”.