Castro de Rei acollerá o 28 de xuño de 2026 a primeira edición da Vacaloura Gravel

LugoXa | TerraChaXa
A saída está programada para as 09:30 horas e a organización porá a disposición dúas opcións de percorrido
vacaloura-gravel-castro
3 Mar 2026

O Club Ciclista Cidade de Lugo organiza a primeira edición da Vacaloura Gravel, unha proba deportiva que se celebrará o vindeiro 28 de xuño de 2026 con saída e chegada oficiais na localidade de Castro de Rei. A marcha nace co obxectivo de fomentar o ciclismo como actividade física con fins de lecer, turísticos e culturais, ofrecendo ás persoas participantes a oportunidade de descubrir a riqueza natural da Terra Chá.

A saída está programada para as 09:30 horas e a organización porá a disposición dúas opcións de percorrido. A ruta longa, de carácter competitivo, contará cun trazado de 100 quilómetros e un desnivel acumulado positivo de 1.400 metros, segundo os datos rexistrados cun dispositivo Garmin 1030 Plus. Esta modalidade terá clasificación por categorías e entrega de premios para todas elas, incluída a cicloturista.

Pola súa banda, a ruta curta terá un percorrido de 55 quilómetros e un desnivel acumulado positivo de 700 metros, tamén segundo medición con Garmin 1030 Plus. Neste caso, a participación non será competitiva, establecerase unha clasificación xeral sen distinción de categorías e non haberá opción a premios.

Será obrigatorio o uso de GPS co track oficial facilitado pola organización previamente cargado no dispositivo. A marcha está aberta a deportistas maiores de 16 anos que cumpran cos requisitos de inscrición e aptitude física establecidos no regulamento. A inscrición previa no Club Ciclista Cidade de Lugo será obrigatoria e, unha vez formalizada, a organización asignará a cada participante un dorsal e/ou placa identificativa para o cadro da bicicleta.

A proba permitirá a participación con bicicletas das modalidades gravel e e-gravel, sempre que se axusten á normativa técnica establecida. As persoas que participen con bicicletas e-gravel con asistencia eléctrica poderán completar tanto a ruta curta como a longa, mais non poderán optar á clasificación competitiva nin aos trofeos, que estarán reservados exclusivamente ás bicicletas gravel sen asistencia eléctrica.

Co fin de garantir a viabilidade do evento, a seguridade das persoas participantes e o cumprimento estrito da normativa na prestación dos servizos previstos, o número máximo de inscricións limitarase a 300 ciclistas.

0.1278920173645