Castro de Rei acomete obras viais nas parroquias por valor de 150.000 euros

TerraChaXa | LugoXa
O Concello de Castro de Rei está a executar obras de rexeneración asfáltica por importe de 150.000 euros financiadas pola Xunta.
obras estradas
11 sep 2022

O Concello de Castro de Rei está a executar obras de rexeneración asfáltica por importe de 150.000 euros financiadas integramente pola Xunta de Galicia en varias vías do Concello.

A primeira das actuacións, con cargo do Plan de Infraestruturas Rurais de Medio Rural, consiste no rexenerado da vía que discorre entre o barrio do Monte de San Xiao de Mos, ata o barrio da Cabana en Matodoso, que comunica as estradas provinciais LU-P 1107 coa LU-P 16 11. Trátase dunha vía que discorre por unha zona gandeira correspondente tanto á zona de concentración parcelaria de Mos com á zona de colonización de Matodoso, cunha extensión de 3,1 quilómetros e por un importe de 48.308 euros.

A segunda, con cargo ao Plan Marco de Camiños de Agader consiste no rexenerado de dúas vías por importe de 101.300 euros. Unha é a que vai da LU-P 1107 en Ribeiras de Lea, pasando por Castrillón ata a parroquia de Castelo do Concello de Outeiro de Rei, cunha lonxitude de 1,8 quilómetros.

A outra é a que vai dende a N-640 en Mondriz, no lugar de Veigas do Couso, ata o lugar de Sumedo, na parroquia de Ludrio, cunha lonxitude dun quilómetro.

"Ambas as dúas actuacións vertebran zonas moi transitadas dentro do Concello de Castro de Rei, tanto en usos agrícolas e gandeiros como ordinarios", explica o alcalde, Francisco Balado.

0.20744585990906