Castro de Rei contará cun novo caixeiro na oficina de Correos
O Concello de Castro de Rei está a xestionar a instalación dun caixeiro automático na vila de Castro de Rei dende o mes de maio, a través dun convenio asinado coa Sociedade Estatal Correos e Telégrafos SA.
A ubicación prevista será a da oficina de correos da vila, de titularidade municipal sendo este o edificio elixido por contar con todas as conexións para o seu funcionamento.
Entre as obrigas das partes, o Concello asumirá a cesión do local, o consumo eléctrico e os gastos de contraprestación, en tanto que Correos asume a instalación e mantemento interno do caixeiro.
Actualmente a instalación do mesmo está pendente da autorización do servizo de patrimonio cultural, xa que a ubicación que se pretende levar a cabo atópase dentro do conxunto histórico-artístico de Castro de Rei, e ademais nun edificio catalogado como é o da antiga escola.
O caixeiro previsto permitirá realizar as operacións bancarias máis solicitadas como retirar saldos, facer ingresos e incluso xestionar recibos de tributos e taxas locais ou doutras administracións a través da oficina de correos, ofrecendo servizos complementarios e distintos aos que dispensan os caixeiros convencionais
"Dende o Concello levabamos dous anos intentando conseguir a instalación dun caixeiro, contactando incluso con varias entidades bancarias polo que con esta modalidade poderemos ofrecer un servizo que terá boa acollida entre a veciñanza e permitirá realizar as xestións bancarias máis demandadas", explica o seu alcalde, Francisco Balado.