Castro de Rei continuará un ano máis coa Festa da Malla, na súa XXI edición

LugoXa | TerraChaXa
O concello de Castro de Rei continuará coa celebración da Festa da Malla, recuperada o ano pasado tras tres sen celebrarse pola pandemia da covid, na que é a XXI edición.
MALLA-DE-CASTRO2
24 Xul 2024

O concello de Castro de Rei continuará coa celebración da Festa da Malla, recuperada o ano pasado tras tres sen celebrarse pola pandemia da covid, na que é a XXI edición.

Como sempre, a festa dividirase en tres xornadas. A primeira, a sega, terá lugar o sábado 3 de agosto na finca de Escairo, onde se traballará a partir das 10.3o horas. A quedada será ás 10:00 diante do bar Ruta do Azúmara.

A seguinte xornada terá lugar o 11 de agosto coa meda que dará comezo ás 11:00 horas no campo da feira de Castro de Rei coincidindo coa feira quincenal.

Está prevista para esta xornada a actuación dun grupo de música tradicional dentro da programación cultural Tradigalu 2024.

Para rematar, o domingo, 18 de agosto, regresa a malla, día principal da festa, que comezará ás 10:00 horas no campo da feira. Ao mediodía será o xantar popular amenizado por un grupo musical.

Un ano máis esta festividade está organizada pola Asociación Amigos da Feira, que leva 20 edicións ocupándose desta festa coa que se intenta recuperar unha tradición agraria da zona.

As previsións estiman unha participación de 600 persoas, que é o número habitual das últimas citas.

O menú do xantar deste día está composto por empanada, cachola, chourizo, sardiñas, membrillo, queixo, pan, bebida e café. O prezo da tarxeta é de 18 euros e este ano ademais, por petición popular, haberá tarxetas para nenos e nenas de ata 12 anos por 9 euros.

As tarxetas poden mercarse ata o xoves 15 de agosto no Supermercado Claudio Grueira, Germán Naval Lage e Librería Maduca. As prazas son limitadas.

0.10344099998474