Castro de Rei elabora un inventario de camiños con 2171 vías municipais

O Concello de Castro de Rei elabora un inventario con 2171 vías municipais con unha extensión de 841 km e 360 bens inmobles entre os que se inclúen fincas e inmobles de natureza urbana e rústica propiedade do Concello, tamén se inventarían 188 pontes e pasos de auga.
É unha proposta que se aprobou inicialmente no pleno do pasado mes de setembro e que agora se somete a información pública para consultas ata o día 10 de novembro, data límite para que se poidan formular alegacións ao mesmo.
Os interesados poderán facer todo tipo de alegacións, consultas, suxestións ou aclaracións, que principalmente poden suscitar controversia naquelas zonas nas que non existe concentración parcelaria e os camiños existentes poden presentar discrepancias coa realidade catastral.
Cada ben municipal conta con unha ficha identificativa do ben, con un código e a información correspondente para a súa identificación así como unha foto identificativa.
Con este inventario o Concello actualiza o anterior inventario aprobado hai trinta anos coa finalidade de actualizar o catálogo de bens municipais e recoller todas as propiedades que pertencen ó Concello, entre os que se destacan as redes de camiños existentes nas últimas concentracións parcelarias executadas nos últimos 30 anos.
Está financiado con cargo ao plan único da Deputación de Lugo e o Concello de Castro de Rei, contando con un importe de 30.000 euros.