Castro de Rei estrea o documental 'Elas Son Castro de Rei' para conmemorar o 8M

O Concello de Castro de Rei presentará este mes o vídeo documental Elas Son Castro de Rei, unha produción audiovisual creada con motivo do Día Internacional da Muller que pon o foco nas vivencias e traxectorias de doce mulleres do municipio.
O proxecto recolle as experiencias de veciñas de distintas idades e profesións, todas elas moi coñecidas na vida social e económica local, co obxectivo de visibilizar o seu papel na construción da historia e da identidade colectiva de Castro de Rei. A peza audiovisual terá unha duración aproximada dunha hora.
Como adianto, o tráiler será difundido na véspera do 8 de marzo, mentres que a estrea oficial do vídeo completo terá lugar o sábado 14 ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea. O acto contará tamén coa actuación do grupo Os Valuros e será presentado por un veciño do municipio.
Desde o Concello sinalan que esta iniciativa busca recoñecer o labor das mulleres que fixeron e continúan facendo historia no día a día da localidade, destacando a súa contribución en ámbitos diversos.
A produción foi financiada con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade, dentro das accións destinadas á promoción da igualdade e á sensibilización social.